ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Barxacova (Parada do Sil) rende tributo ao viño

As proximidades da Fábrica da Luz reunían a numerosas persoas para celebrar a II Festa da Vendima

Multitude de persoas dábanse cita en Barxacova (Parada do Sil) ao longo da xornada do 18 de outubro para desfrutar da súa II Festa da Vendima. “O obxectivo é pór en valor o viño que, xunto coa castaña, é un produto básico na economía de Parada de Sil”, explicaba o alcalde deste concello ourensán, Francisco Magide. Ademais destacaba a importancia social da cita, xa que permite reunir ás persoas de diferentes pobos do municipio.

Xa dende a mañá o entorno da Fábrica da Luz, escenario da celebración, íase enchendo de persoas que percorrían os stands das dúas adegas de Parada do Sil participantes na mostra (Valcar e Ronsel do Sil, ambas pertencentes á Denominación de Orixe Ribeira Sacra). Neles podían degustarse viños brancos e tintos desta zona, mentres soaban os ritmos da Charanga “Escachapeitos”e tamén había posibilidade de mercar barquillos, todo un símbolo doce neste concello ourensán.

Ao mesmo tempo, no interior da Fábrica da Luz tiña lugar un obradoiro de marmelada de uvas. Xa a partires da unha podía desfrutarse de carne á brasa ou pulpo á feira nunha carpa instalada no lugar. E, despois do xantar, tiña lugar a actuación do monologuista ourensán Sergio Pazos, cunha dilatada e exitosa traxectoria sobre os escenarios.

Ademais eran moitas as persoas que aproveitaban o bo tempo da xornada para mergullarse no fermoso entorno do río Mao, seguindo a ruta de sendeirismo que parte das proximidades da Fábrica da Luz.

Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Back to top button