ConcellosÚltima hora

A Batucada de Verín aposta este ano pola música rock da man de artistas locais

O Concello presenta a programación do festival de auga, que se celebrará os días 29 e 30 de xullo
A edil de Festexos, Emilia Somoza, durante a presentación do programa da Batucada 2016.
A edil de Festexos, Emilia Somoza, durante a presentación do programa da Batucada 2016.

Un ano máis xa está aquí a Batucada de Verín. Este gran festival que combina música, auga e festa na vila ourensá celebrarase os vindeiros días 29 e 30 de xullo. Así o anunciou a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza, que vén de presentar a programación para a edición 2016. Entre as actividades programadas atópanse novidades como a Batukañada, un espectáculo de música rock que aspira a concentrar a diversión da noite do venres con tres concertos da man do grupo local Pneura, os vigueses 2Sisters e os vianeses Cabo da Vila.

Tal e como se sinalou, os festexos comezarán o venres arredor das 11h, co desfile da Ludoteca “Especial Batucada”, que fará un percorrido circular desde o CEIP Amaro Refojo por Laureano Peláez, Praza do Concello, Praza da Mercé, Rúa da Cruz e Praza García Barbón. Posteriormente, a diversión trasládase até o CEIP Amaro Refojo coa festa infantil da Ludoteca, que será ás 12h. Haberá animación a cargo de Disco Móbil Space. Xa na quenda de tarde, de 16:30 a 19:30, a festa segue para os máis cativos, cunha gran festa con inchables de terra e auga na praia fluvial de Verín. A animación musical correrá a cargo de Saudeter.

Pola noite dará comezo a Batukañada, a partires das 23:30h. “A Batucada é unha festa viva e en constante renovación e por iso, desde a Concellería de Cultura cada ano introducimos novidades”, sinalou Somoza. Deste xeito, destaca a aposta que a vila fai por artistas locais. O grupo local Pneura está composto por tres músicos “moi experimentados e cun gran nivel”, que amenizarán a noite con death crust experimental en galego. “Atopámonos diante dun dos dous grupos musicais máis prometedores no seu xénero en Galicia”, engadiu. Tamén estará 2Sisters, co seu groove metal con tintes dos 90. O grupo vén dende Vigo, pero conta con membros verineses. E finalmente actuará Cabo da Vila, procedente de Viana do Bolo.

Pero a música non parará, posto que tamén haberá animación antes e despois da Batukañada con Enjoy Disco Móbil Jorge.

O prato forte celebrarase na xornada do sábado, onde a auga e a escuma serán os principais ingredientes da festa. A diversión chegará á Praza García Barbón a partires das 16h, con animación a cargo de A Gramola e Enjoy Disco Móbil Jorge. Contra ás 19h levarase a cabo o desfile pasarrúas da Batucada, con saída dende a Praza Maior e con percorrido pola Rúa da Cruz, Praza da Mercé, Avenida Luís espada, Montemaior, Constitución, Avenida de Cabreiroá, Deputación e Irmáns Moreno. Estarán presentes as batucadas Axóuxeres (Allariz) e Bloquiño de Xérmolos (Guitiriz).

Pola noite, tomará o relevo o grupo La edad de Oro del Pop Español, formado principalmente polos artistas Alberto Comesaña, Pablo Perea, joaquín Padilla e Chus Hernández. Actuarán na Praza García Barbón. Posteriormente, A Gramola será a encargada de baixar o telón á Batucada 2016.

Por outra banda, a edil de Festexos lembrou que, tras chegar a un acordo cos hostaleiros, os establecementos poderán colocar barras nas rúas para ofrecer consumicións pero con vasos de plástico. A idea é evitar o perigo dos vasos de cristal neste tipo de festas. Somoza tamén sinalou que xa está á venda o merchandising oficial da Batucada 2016. As camisetas terán un prezo de 10 euros e as fundas impermeables, tres. Poderán adquirirse na tenda oficial do festival, sita na Praza García Barbón, en horario de 18 a 21h.

Artigos relacionados

Back to top button