EntrevistasÚltima hora

Beatriz Gómez: “Temos un comercio que é un referente na cidade”

A nova presidenta da Federación de Comercio de Ourense promete traballar por un sector que comeza a rexistrar “un pequeno repunte positivo”
Beatriz Gómez Valcárcel, onte, en Ourense. // Foto: Carlos G. Hervella
Beatriz Gómez Valcárcel, onte, en Ourense. // Foto: Carlos G. Hervella

Beatriz Gómez Valcárcel alzábase na tarde de onte como a nova presidenta da Federación de Comercio de Ourense, converténdose tamén na primeira muller en facelo. A tamén presidenta da Asociación de Perruqueiros de Ourense mostrouse orgullosa ante a nova encomenda e prometeu seguir traballando para dar continuidade ao legado da anterior xunta directiva sen esquecer o planeamento de novos retos. En declaracións ao Periódico O SIL, Gómez cre que a pantasma da crise aínda segue presente pero recoñece “brotes verdes” no sector, un sector que define como “referente na cidade a nivel turístico, en ingresos e en número de empregados”. Agora afronta unha nova etapa que completará proximamente co abandono do cargo á fronte dos perruqueiros, un posto que, segundo avanza, ten a continuidade asegurada.

Noraboa polo novo cargo. Primeira presidenta muller, que expectativas ten?
Espero conseguir obxectivos e proxectos comúns que teño co meu equipo, potenciar campañas moi importantes que ten o comercio e facelo na rúa. A cercanía co comerciante e co cliente final para min é moi importante. Tamén loitarei co calendario das rebaixas, cos horarios de apertura e peche e eses problemas que afectan ao comercio dende fai tempo.

Anteriormente xa desempeñaba outros postos na directiva da federación e coñece ben o comercio local, como está a situación?
Non se pode dicir que xa pasou a crise, porque segue a estar aí, pero si que se nota que hai un pequeno repunte positivo. De feito nótase nas rúas, que xa levamos uns meses con moitísima afluencia. O importante é que a xente saia á rúa porque unha vez que sae, consume.

A estratexia da nova directiva buscará consolidar brotes verdes? De que xeito?
Si, consolidaremos eses brotes verdes e imos seguir un pouco na liña da anterior xunta directiva. Hai actividades e proxectos xa programados e que se van facer este ano, que foron un éxito, pero cara o ano xa se irán introducindo novos proxectos.

Que campañas destacaría?
‘Merca na túa vila’ e ‘Merca relaxándote’. Foron un éxito porque foi o cliente final o que obtivo os premios e todo o que se fai na rúa ten unha repercusión moi grande.

Como ve o feito de ser a primeira muller á fronte do colectivo?
Síntome moi orgullosa, porque temos un papel fundamental no comercio. E temos un comercio que é unha referencia na cidade a nivel turístico, en ingresos e en número de empregados.

Texto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button