CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

‘Bebedeira de Ensoños’, un percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, no Teatro Lauro Olmo do Barco

A exposición, producida por Galaxia para a Xunta e comisariada por Ricardo Gurriarán, era inagurada esta tarde nun acto institucional

 

Coincidindo co inicio do mes das Letras, no que Florencio Delgado Gurriarán e toda Valdeorras son os grandes protagonistas, na tarde deste mércores 4 de maio inaugurábase no Teatro Lauro Olmo do Barco a exposición ‘Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños’, producida pola Editorial Galaxia para a Xunta, e comisariada por Ricardo Gurriarán.

Con carácter informativo e didáctico, a mostra divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, así como unha selección de obxectos persoais do autor, cedidos pola familia para esta exposición. Os paneis repasan a traxectoria vital e biográfica do autor homenaxeado, permitíndolle ao espectador asistir a unha rápida viaxe, rigorosa e amena, para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura de Florencio Manuel Delgado Gurriarán.

 

O secretarop xeral de Cultura, Anxo Lorenzo foi o encargado de conducir o acto.

 

Por outra banda, o acceso a unha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo, como Otero Pedrayo ou Castelao; borradores de poemas, que logo remataron nos seus libros, publicacións orixinais, que permitirá un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra literaria.

A mostra comeza a súa itinerancia en maio no Barco de Valdeorras, preto da aldea natal de Florencio (Córgomo en Vilamartín), para despois ir a Ourense e Santiago de Compostela, e súmase ás publicacións da autoría do homenaxeado, coas que Galaxia contribúe no labor dar a coñecer máis o seu imaxinario persoal: Bebedeira, Galicia infinda, O soño do Guieiro ou a, recentemente publicada, Antoloxía poética, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro. Ao mesmo tempo que os libros Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero, Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado orixinalmente en 1999 e agora recuperado por Galaxia, e Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, publicado na colección Lectura Fácil, da autoría de Lucía Gómez Álvarez.

 

Foto das autoridades políticas e culturais presentes.

 

Unhas publicacións ás que facía referencia o conselleiro de Editorial Galaxia, Xosé Soutullo, “non para presumir senón para destacar o esforzo que supuxo para Galaxia”, no acto institucional previo á visita guiada. Un acto que era presentado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo e que contaba coa pesenza dun bo número de alcaldes da comarca (o do Barco, o de Vilamartín, o da Rúa, a de Petín e o de O Bolo), ademais de concelleiros, representantes empresariais e culturais.

Con respecto aos intervintes, tralo discurso de Soutullo, Anxo M. Lorenzo cedía a palabra a Ricardo Gurriarán, familiar do literaro recoñecido co Día das Letras Galegas 2022, autor da súa biografía e comisario da exposión quen explicou polo miúdo o contido da mostra que dende hoxe está aberta ao público. No acto tamén interviña o presidente da RAG, Víctor R. Freixanes que loou unha vez máis as virtudes de Florencio, resumíndoas en tres palabras “alegría, firmeza e xenerosidade”.

 

Vendo a exposición.

 

No seu turno, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García subliñou que con esta mostra “a Xunta mantén o seu compromiso de implicarse a fondo na celebración do Día das Letras Galegas, unha xornada que aglutina a toda a cidadanía arredor da lingua galega e das persoas que, como Florencio Delgado Gurriarán, a defenderon e promoveron alá onde foron”.

No acto tamén interviña o vicepresidente da Deputación de Ourense César Fernández, felicitando aos concellos por terse posto de acordo para traballar a prol do poeta valdeorrés, pechando o acto o antitrión, o alcalde do Barco, Alfredo García, quen fixo un repaso polas diferentes etapas polas que pasou o traballo reivindicar a figura de Florencio Delgado Gurriarán. Dende hai trinta anos da man do IEV, ata hai cinco anos coa creación do proxecto ‘As Letras de Florencio’ coa que por fin se conseguía o Día das Letras Galegas para o autor de Córgomo. “Conseguimos iso e outra cousa moi importante, que Florencio se coñecese en Valdeorras e que se traballase sobre el nos centros escolares”, dixo García, antes de comezar a visita guiada.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

 

Horario de visitas á exposición.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button