CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Belén feito en origami e Operación Kilo, no colexio Pablo VI-Fátima da Rúa

Este ano o Festival de Nadal do centro poderá verse a través do Facebook, a partir do luns 21 de decembro ás sete da tarde

 

Cada ano céntranse nunha idea, implicando a todo o centro e intentando sorprender a todo aquel que o visite. E unha vez máis conseguírono. A entrada do colexio San Pablo VI-Fátima da Rúa loce dende hoxe o seu tradicional nacemento artesanal. Tradicional porque levan anos facéndoo pero realmente é moi innovador. Desta volta trátase dun nacemento feito en papel, máis concretamente en origami, no que colaboraron dende os alumnos de intantil ata os de secundaria.

Neste peculiar belén coordinado pola profesora de plástica, cada curso fixo unha parte. Uns encargáronse das figuras centrais do belén, outros dos reis, outros dos pastores, outros de pintar, de recurtar, e outros dos animais, dende os polos ata os porquiños, entre outras moitas figuras.

 

 

Operación Kilo

Xunto á colocación do belén, o centro escolar organiza cada ano a Operación Kilo que nesta ocasión contou con moitas aportacións, non só dos alumnos e das súas familias senon de empresas que nalgúns casos cederon produtos alternativos en lugar de comida. “Este ano fixemos uns boletos para entregar a cada neno ao deixar a súa aportación, cun número para entrar no sorteo deses lotes de produtos”, explica o director do centro, adiantando que o sorteo celebrarse o vindeiro luns nun programa especial da radio escolar Onda 6 Radio (107,1 FM) que contará con dous locutores e tamén con varias intervencións.

“Co inicio da pandemia tivemos que suspender as sesións de radio e esta é unha boa forma de recuperalas, mantendo claro está as medidas de seguridade anticovid, porque son moi beneficiosas para os alumnos”, puntualiza o director do centro, adiantando que este ano o Festival de Nadal será emitido nun vídeo a través do Facebook. “Aínda que temos sitio no Salón de Actos para que poidan asistir os alumnos gardando a distancia de seguridade, preferimos grabar o festival e colgalo na rede social para que poida velo todo o mundo e cando queira”, explica o sacerdote, adiantando que o publicarán a partir das sete da tarde do vindeiro luns, 21 de decembro, xusto antes de coller as vacacións de Nadal.

Fotos: Mónica G. Bellver e cedidas

Artigos relacionados

Back to top button