CulturaCulturaÚltima hora

A Biblioteca de Verín, depositaria do fondo bibliográfico do fillo de Taboada Chivite

Esta biblioteca persoal suma un total aproximado duns mil setecentos volumes

 

A concelleira de Cultura de Verín e un dos responsables da biblioteca, con libros do legado./ Foto: Concello de Verín.

Xunto co Museo do Pobo Galego, a Biblioteca Municipal de Verín será un dos principais centros de consulta para investigadores sobre a familia Taboada. Esta infraestrutura converterase na depositaria dos fondos bibliográficos de Manuel Taboada Cid, fillo de Taboada Chivite, tal e coma decidiu a súa viúva Marinieves de Paula.

A concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, amosa o seu agradecemento por un acto de tanta xenerosidade e destaca que “ agora a biblioteca de Verín terá un vinculo sentimental moi importante coa familia Taboada, estando aquí representada, polo fillo do insigne etnógrafo e profesor D. Xesús Taboada Chivite”.

A biblioteca persoal de Taboada Cid, centrada maioritariamente no seu traballo no eido da filoloxía, ten un total aproximado duns mil setecentos volumes, onde cobran especial interese algúns manuscritos do propio autor no eido de investigacións sobre o arado radial no sur da nosa provincia, revistas impresas en Portugal na década dos anos vinte, (moi probablemente procedentes do seu pai Taboada Chivite), e artigos publicados ao redor de distintas conferencias e revistas especializadas, tal e como se informa dende o Concello de Verín.

Entre os seus traballos máis salientables, segundo destaca Xerardo Dasairas, figuran o “Vocabulario y notas etnográficas de la Mezquita (Ourense)”, publicado no Boletín auriense como “Algúns aspectos de la vida espiritual y material de A Mezquita”, “El arado radial en el sur de la provincia de Orense”, “Afinidades lingüisticas galego-portuguesas na fronteira de Ourense”, “El habla del Valle de Verín” e numerosos artigos en revistas especializadas (Verba, Boletín Auriense, Gallaecia…) e comunicacións e ponencias en congresos de Galicia e do estado. Como persoa preocupada polo patrimonio histórico e artístico pertenceu ao grupo “Marcelo Macías” do Museo Arqueolóxico de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button