En portadaÚltima hora

A Biblioteca de Verín, a mellor de España en proxectos de animación á lectura

Ten sido distinguida co Premio María Moliner na categoría de municipios entre 5.001 e 20.000 habitantes, nunha edición á que concurrían ao certame uns 604 proxectos de municipios de toda España
Voluntarios da Biblioteca de Verín, nunha recente actividade de contacontos./ Foto: Biblioteca de Verín.

A iniciativa “Voluntariado cultural con rapaces para o fomento da lectura” da Biblioteca Municipal de Verín vén de ser distinguida co Premio María Moliner ao mellor proxecto de animación á lectura, de municipios de entre 5.001 e 20.000 habitantes. O premio concédeno o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Fundación Coca-Cola. Asemade este galardón inscríbese na XVIII Campaña de Animación á Lectura María Moliner e conta cunha dotación económica de 12.000 euros.

“Trátase dun proxecto consolidado, que xurdiu hai nove anos e que ten convertido á Biblioteca de Verín nun referente cultural na localidade, realizando un gran número de actividades variadas e de calidade, grazas á colaboración de rapaces voluntarios. Destaca pola súa relación transfronteiriza levando as actividades da biblioteca a aldeas cercanas de Portugal e polas súas actividades interxeracionais e con colectivos en risco de exclusión social”, segundo se resalta dende as entidades que conceden o galardón.

 

Actividade interxeracional, de avós e netos, na biblioteca verinesa./ Foto: Biblioteca de Verín.

A esta edición do certame concurrían un total de 604 proxectos, dos cales a comisión de valoración seleccionaba os 300 mellores programas de promoción da lectura, cuxas bibliotecas recibirán un premio en metálico de 1.706 euros. Ademais, a comisión de valoración elixía os premios especiais, como é o caso do de Verín, dotados con 12.000 euros.

 

Os voluntarios da Biblio-piscina, tras recibir os seus diplomas este pasado verán./ Foto: Concello de Verín.

Tras coñecer a concesión do premio, dende a Biblioteca Municipal de Verín amosábase o “noso máis sinceiro agradecemento aos nosos Voluntarios/as porque sen eles todo este soño de biblioteca nunca sería posible… Tamén o noso agradecemento para os compañeiros/as do Concello de Verín, escritores, asociacións, fundacións, museos, empresas a a vós os usuarios por colaborar con nós”.

Artigos relacionados

Back to top button