PolíticaÚltima hora

Noa Presas (BNG) asegura que a continuidade do sector primario na provincia pasa por “axudas directas”

A deputada nacionalista por Ourense anunciou que farán enmendas aos Orzamentos do 2018 que inclúan achegas por cabeza de gando e por produción anual de mel ou castañas
Noa Presas. // Foto: Carlos Asensio.

O Bloque Nacionalista Galego vai solicitar no Parlamento de Galicia axudas directas para “garantir a continuidade do sector primario na provincia”. Así o anunciou hoxe, 14 de novembro, a deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, que reiterou que a provincia “está nunha situación de excepcionalidade”, debido as altas temperaturas e as poucas choivas que houbo este ano, así como as xeadas, saraibas “e os incendios do pasado mes”, dixo.

Por este motivo, dende o grupo nacionalista van a propor no vindeiro pleno medidas “para que a Xunta mova ficha”, dixo Presas, xa que “non están a responder”, asegurou, “e as axudas que proporcionan son insuficientes e chegan tarde”.

En concreto, a deputada do BNG referiuse ao oriente ourensán “como unha das zonas máis afectadas” por estes fenómenos. Presas falou da castaña, asegurando que no Concello de Viana do Bolo, que produce 2 millóns de quilogramos de castaña, “estímanse unhas perdas do 80%” e o mesmo ocorre coa apicultura, segundo denuncian dende a Asociación Galega de Apicultores. A todo isto súmase o gando “que está tendo consecuencias moi dramáticas, con produtores que están vendendo as cabezas de gando ou que están incluso a sacrificalas porque non teñen capacidade para darlles alimento”.

Noa Presas reiterou que a Xunta “está respondendo a través da improvisación”, asegurando que “non atenderon as advertencias do sector meses atrás”. Asemade, aseverou que “aínda non existe un censo de afectados nin unha avaliación económica do impacto social e económico desta situación”.

Por este motivo, dende o seu grupo proporán “axudas directas por cabeza de gando”, así como axudas “por produción de mel e castaña do ano anterior”, sumado ás xa solicitadas condonacións das cotas da Seguridade Social e a recuperación dos prados a través da plantación de castiñeiros naquelas zonas afectadas polo lume, “propostas que botaron abaixo no pleno do pasado 18 de outubro”.

Así, no vindeiro pleno do Parlamento de Galicia, os nacionalistas van presentar emendas parciais e á totalidade aos Orzamentos do 2018 da Xunta “para que se inclúan esas axudas directas a estes sectores”, anunciou Presas, que argumentou que a Xunta “ten capacidade económica de sobra e non dan lugar a ningún tipo de especulación nin lucro”.

Protestas

Nesa mesma rolda de prensa, Noa Presas asegurou que os nacionalistas secundan as protestas convocadas por Unións Agrarias en Santiago o vindeiro 18 de novembro, reiterando que espera que sirva para que o Goberno galego “móvase e cambie as políticas do rural”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button