PolíticaÚltima hora

PSOE e BNG asinan o pacto de goberno municipal para A Rúa

A candidata nacionalista María G. Albert será alcaldesa os dous primeiros anos de goberno bipartito
María G. Albert e Luis F. Gudiña asinando o acordo de goberno municipal. /Foto: Mónica G. Bellver.
María G. Albert e Luis F. Gudiña asinando o acordo de goberno municipal. /Foto: Mónica G. Bellver.

O sábado 13 de xuño ás 11h. constituirase no salón de plenos a nova corporación no Concello da Rúa. Unha corporación que durante os dous primeiros anos da lexislatura estará presidida pola candidata nacionalista María González Albert, que se convertirá na primeira alcaldesa da Rúa.

A decisión era tomada despois das negociacións entre os grupos municipais do PSdeG-PSOE e BNG-Asembleas Abertas tralos resultados electorais do 24 de maio que lle daban 3 concelleiros aos socialistas e outros 3 aos nacionalistas (o PP quedaba con 5). Os grupos acordaban formar un equipo de goberno bipartito para a próxima lexislatura 2015-2019 cuxo acordo asinaban na tarde do 11 de xuño comprometéndose “a garantir a estabilidade do goberno municipal, chegando a consensos sobre as propostas do grupo e aprobando os plans e proxectos municipais”.

Segundo o acordo, o socialista Luis Fernández Gudiña accederá á alcaldía os dous últimos anos da lexislatura, repartíndose as áreas de goberno do seguinte xeito: de medio ambiente, desenvolvemento rural e patrimonio; cultura, normalización lingüística, ensino e deportes; e persoal, emprego e réxime interior, encargarase o BNG. De facenda, contas e desenvolvemento económico; urbanismo, infraestruturas e servizos; e sanidade, benestar social, participación veciñal e mocidade, o PSdeG-PSOE.

Os concelleiros electos do PSdeG-PSOE e BNG-Asembleas Abertas diante do Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.
Os concelleiros electos do PSdeG-PSOE e BNG-Asembleas Abertas diante do Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

Con respecto á tenencias de alcaldía, nomearanse dúas: a primeira será do PSOE nos primeiros dous anos e do BNG nos dous últimos; e a segunda do BNG nos primeiros dous anos e do PSOE nos dous últimos. O acordo tamén contempla unha única adicación exclusiva (a do alcalde/sa), establecéndose ademais as medidas necesarias para o desenvolvemento axeitado das funcións do grupo de goberno. E no que atinxe aos asuntos considerados estratéxicos “serán consensuados previamente pola coalición de goberno e non irán a Pleno os asuntos que nos sexan consensuados na Xunta de Goberno”.

Como liñas ineludibles de traballo e como asuntos prioritarios para levar adiante esta lexislatura, a coalición estable entre outras, transparencia na xestión, colaboración cidadá nos orzamentos municipais, ascensor do Centro de Saúde e concreción do novo centro, acceso á N-120, PXOM e recuperación do encoro.

Artigos relacionados

Back to top button