PolíticaÚltima hora

BNG e Riada Cidadá presentan unha moción para que o Concello do Barco pida ao da Coruña que se retire o nome de Peñamaría de Llano dunha rúa

Baseándose en testemuñas e investigadores da etapa franquista, aseguran que este militar participou nas mortes de catro valdeorreses en 1939

Concelleiros do BNG e de Riada Cidadá nunha sesión plenaria anterior no Barco.

 

Na orde do día da sesión plenaria que a Corporación barquense celebrará na tarde deste 3 de outubro inclúese unha moción presentada polos concelleiros do BNG e de Riada Cidadá (integrados no grupo mixto municipal) na que se solicita que o Concello do Barco se dirixa ao Concello da Coruña “para o cambio de nome da rúa Peñamaría de Llano na citada cidade”, así como para retirar “do cadro de honra dos alcaldes” o seu retrato, “aténdose ao decreto do goberno do Estado sobre a Lei da Memoria Histórica”.

Segundo se explica na exposición de motivos da moción, Peñamaría de Llano foi tenente do I Terzo da III bandeira da lexión, destacada en Viloira (O Barco), “a encargada da represión na comarca de Valdeorras. Foi alcalde franquista da cidade da Coruña entre o 19 de maio de 1959 e o 4 de xullo de 1963, procurador nas cortes franquistas entre o 1959 e o 1963, así como tamén xurídico militar de carreira, e como tal participou en numerosos consellos de guerra sumarísimos”.

No texto da moción matízase que este militar, “como tenente de mando e xa rematada a guerra civil, participou directamente o 18 de outubro de 1939 na execución de Domingo Rodríguez e Amalia López, veciños de Soulecín (O Barco), diante dos veciños da aldea. Un acto de barbarie sen ningún tipo de acusación ou defensa. Peñamaría non só estaba ao mando da tropa, senón que persoalmente deu o “tiro de graza” aos citados veciños”.

Asemade, indícase neste mesmo texto que “o 19 do mesmo mes e ano, o tenente Peñamaría de Llano ao mando da tropa da lexión cometeu tamén na aldea de Oval (Rubiá) o asasinato de Adoración Fernández Cardóniga e a súa filla Remedios, (…), sen motivo legal de ningún tipo”.

A moción toma “como referencia certa as informacións referidas por testemuñas presenciais dos feitos acaecidos, así como a documentación aportada, entre outros, por historiadores e estudosos do tema como Aurora Marco (“Mulleres na guerrilla antifranquista”); J.A. Gurriarán (“As mulleres do monte”); Luis Lamela García (“Aspectos desconocidos de la guerrilla del Llano”); Félix García Yañez (“O Barco e a terra de Valdeorras durante o franquismo”); Proxecto de investigación Nomes e Voces, e un longo etc. de rexistros certos e coindidentes”.

Artigos relacionados

Back to top button