PolíticaÚltima hora

BNG pedirá a declaración como zona catastrófica das áreas destruídas polos lumes no Parlamento galego e no Congreso

María G. Albert e Nestor Rego demandan ás administracións estatal e galega “máxima celeridade e coordinación para desenvolver as axudas económicas na maior brevidade posible"

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar que coordina accións no Parlamento de Galicia e no Congreso para reclamar que “se inicie o procedemento de declaración de zona catastrófica nas áreas do País afectadas pola vaga de lumes e que se aproben axudas económicas a todas as persoas que se viron afectadas, así como medidas fiscais, laborais e de Seguranza Social para paliar os danos”. A valdeorresa María G. Albert e Néstor Rego, deputados do BNG na cámara galega e no Congreso, respectivamente, demandan a coordinación entre as diferentes administracións para que existan “todas as axudas, recursos e medios necesarios para a recuperación dos bens queimados”. Ademais, mostran a súa solidariedade cos centos de persoas afectadas e recoñecen o labor dos profesionais do servizo de prevención e defensa contra os lumes de Galicia.

“O lume está a provocar graves danos en distintos concellos da Galiza nos últimos días. Levan ardidas máis de 20.000 hectáreas nun total de 16 lumes rexistrados desde o xoves, 14 de xullo, segundo as primeiras estimacións, e preto de 1.400 persoas evacuadas en 80 núcleos de poboación. As zonas máis afectadas son as pertencentes ao Courel –con 60 núcleos- e Valdeorras, cun total de 20. Non só se destruíu masa forestal, o lume no seu avance imparábel queimou vivendas e aldeas por completo. Este é o caso da parroquia de Alixo no Barco de Valdeorras, do núcleo de Río de Bois na Pobra do Brollón, da Veiga de Cascallá en Rubiá ou da aldea de Vilar, en Folgoso do Courel. Así, segundo os últimos datos, son xa un total de 85 casas as arrasadas polo lume”, sinalan dende o BNG.

En primeiro lugar, a formación nacionalista amosa a súa solidariedade con todas as persoas afectadas que están a asolar o País- O Courel, Valdeorras e a Serra do Invernadeiro- case todos estes lumes, xerados a raíz da tormenta explosiva do pasado xoves.

Así mesmo, recoñecen o traballo dos profesionais do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza. “Están a facer un labor excepcional nunhas condicións moi precarias, con falta de medios, brigadas incompletas, falta de medios aéreos e de maquinaria terrestre” enumera a deputada no Parlamento de Galiza mentres incide na valentía das profesionais que “reenganchan xornadas de traballo e mesmo presentándose voluntarios para tentar que este País non arda polos catro costados”.

O BNG pedirá no Parlamento de Galicia e no Congreso dos deputados que se “declaren estas zonas –sobre todo a Serra do Invernadoiro, a zona do Courel e a zona de Valdeorras que inclúe o Parque Natural da Enciña da Lastra- como zonas catastróficas para que se habiliten axudas para que a cidadanía poida recuperar o que perderon e rehabilitar e recuperar estas zonas tan sensíbeis que son os pulmóns do interior da Galiza e que se viron afectados por esta vaga de lumes”, indica Albert.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, entende que é necesario iniciar canto antes as medidas que poidan “reparar e indemnizar os danos causados. A Administración Xeral do Estado, unha vez terminado o balance de danos, debe impulsar a declaración de emerxencia de protección civil”. Neste sentido, Rego apunta a que debe existir colaboración de todas as administracións para que se reverta o dano que causado e “actuar coa máxima celeridade para non deixar desprotexidas as persoas afectadas”.

“A lei estatal contempla que cando ocorra un fenómeno extraordinario pola súa magnitude e gravidade e altere as condicións de vida dos cidadáns, poden pórse en marcha diferentes tipos de medidas e axudas coa a declaración de emerxencia de protección civil por Acordo do Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Facenda e de Interior” lembra Rego. Para unha declaración deste tipo, a lei recolle que “se valorará que se produciron danos persoais ou materiais derivados dun sinistro que perturbe gravemente as condicións de vida da poboación nunha área xeográfica determinada”.

Paralelamente á aprobación como zona catastrófica, Rego afirma que tamén será preciso aprobar e estabelecer as medidas contempladas no artigo 24 da Lei de Protección Civil que comprenden axudas económicas a particulares, así como medidas fiscais, de exención tributaria ou medidas laborais e de Seguranza Social. “Queremos que a veciñanza dos municipios afectados se poida acoller canto antes a este tipo de axudas” afirma o deputado do BNG no Congreso.

Mudar as políticas forestais en Galicia

A organización nacionalista cre que a ordenación do territorio que está a desenvolver a Xunta  nos últimos anos está a favorecer a propagación dos lumes. “Demostran que a política forestal da Xunta non está a funcionar nin a servir para protexer o país. Este momento debe ser un punto de inflexión nas políticas de defensa contra os incendios forestais” destaca María G. Albert que critica o abandono do interior do país que está a realizar a Administración galega.

Artigos relacionados

Back to top button