PolíticaÚltima hora

BNG e PSdeG critican que a Xunta non abrise o novo Hospital de Ourense en setemrbro “tal e como prometeron”

Noa Presas e Noela Blanco aseguran que o anuncio que se fixo en agosto, tras a visita de Feijóo, foi “pura campaña electoral”
Noa Presas e Noela Blanco. // Foto: Carlos Asensio.

As forzas da oposición presentes no parlamento de Galicia -PSdeG-PSOE, BNG e En Marea- realizaron hoxe, 21 de setembro, unha visita ás instalacións do novo edificio de Hospitalización do CHUO (Complexo Hospitalario Universitario de Ourense).

Tras facer dito percorrido e coñecer polo miúdo o edificio, as deputadas pola provincia do PSdeG-PSOE, Noela Blanco, e a do BNG, Noa Presas, manifestaron o seu malestar por non poderes contar coa presenza dos traballadores do hospital. “Gustaríanos ter o punto de vista institucional e o dos traballadores”, dixeron.

Outro dos puntos do que falaron foi o retraso da apertura desta nova unidade do Complexo Ourensán. Neste senso, Noa Presas asegurou que “tanto o presidente da Xunta como o Conselleiro de Sanidade anunciaron na súa visita en agosto que ía estar aberto o Hospital na primeira quincena de setembro e estamos a finais e aínda non hai ningún paciente desprazado”, dixo a deputada nacionalista. Unha afirmación que a súa compañeira socialista, Noela Blanco, avalou: “Estamos ante unha mentira. O conselleiro de Sanidade anunciouno en xuño a bombo en platillo -a apertura en setembro- en sede parlamentaria tras unha pregunta do Grupo Socialista”.

Pola súa banda, Presas cualificou a visita en agosto do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, de “propaganda electoral e de abuso de transparencia e da democracia”.

Ambas as dúas deputadas tamén coincidiron na crítica ao futuro modelo de xestión da cociña: “non sabemos como vai ser o funcionamento desa cociña fría”, dixo Presas. Pola súa banda, Noela Blanco reiterou que “estamos moi preocupados ao respecto dos postos de traballo da cociña, posto que esta liña de cociña fría vai privatizar o servizo e empeorar a calidade dos alimentos, poñendo en risco postos de traballo”. Segundo a socialista, “non nos puideron garantir que se conserven os postos en sede parlamentaria xa que dixeron que o ían intentar”.

Noela Blanco falou en positivo da infraestrutura, asegurando que “é certo que hai unha mellora considerable con respecto ao centro anterior”. A pesar de todo, Blanco manifestou a súa preocupación polo tamaño das habitacións, asegurando que nalgunhas “pode haber dificultades para poder manobrar cunha cadeira de rodas”. Asemade, asegurou que “hai unha enorme cantidade de espazo desaproveitado que se podería aproveitar para camas ou servizos”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button