SanidadeÚltima hora

BNG e PSdeG-PSOE critican o anteproxecto de Lei presentado onte pola Consellería de Sanidade

Noa Presas: “A modificación fundamental é a organización territorial do sistema público de saúde e non se corresponde coas necesidades de Ourense”
Administración dunha vacina a un adulto./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Consellería de Sanidade publicaba na mañá do 2 de agosto, o anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. E na mañá do día 3, BNG e PSdeG-PSOE facían públicas as súas críticas e denuncias.

A primeira era a deputada nacionalista por Ourense Noa Presas, que comparecía en rolda de prensa para “alertar das consecuencias para a provincia do anteproxecto de Lei presentado onte pola Xunta sen diálogo nin avaliación previa da EOXI ourensá, nun novo exercicio de opacidade por parte dun goberno que pensa que a maioría absoluta dá carta branca para dilapidar os nosos servizos”. O BNG denuncia que, “avaliado o proxecto, non se garante a participación e cercénanse os Consellos de Saúde que son baleirados das súas funcións. Ademais, para Ourense non ten sentido centralizar a participación dunha provincia de 92 concellos nun só consello, iso é excluínte”.

Presas sinalou que “a modificación fundamental é a organización territorial do sistema público de saúde e non se corresponde coas necesidades de Ourense. Consolídase o actual modelo sen ter feito unha avaliación das nosas necesidades e concentrando o reforzo das EOXI que en Ourense abre a porta a desmantelar os Hospitais de Verín e Valdeorras e minguar o peso e capacidade da Atención Primaria, que é fundamental coa nosa dispersión poboacional”. Neste sentido, insistiu en que “manter Verín e Valdeorras como distritos non ten garantías, só son divisións territoriais das áreas polo tanto poderían desmantelar un hospital comarcal sen problemas porque ademais o peso decisiorio pasa a descansar no Consello da Xunta e non hai mecanismos garantistas de transparencia e participación”.

A deputada, Montse Prado, ía máis aló criticando “o fondo e a forma” do anteproxecto. “Preséntase no mes de agosto, mes de baixa actividade e cun gran número de profesionais de vacacións”, polo que o BNG “pedirá a súa retirada”.

O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado pola súa banda, denunciou en rolda de prensa a “covardía manifesta” da Xunta tras presentar “nun 2 de agosto, un anteproxecto de Lei para modificar a Lei de Saúde de 2008 pola porta de atrás”.

Torrado explicou que este anteproxecto, ademais de conlevar reformas en canto a persoal ou inspección médica, “supón que a partir de agora a participación na sanidade vaise decidir por decreto, así como unha ampliación moito máis dura do modelo de áreas sanitarias, cunha redefinición do mapa encamiñada a reducir á nada o peso das áreas comarcais que supón a perda da xestión directa da atención primaria”.

Así pois, “o grupo socialista pedirá de forma urxente a comparecencia extraordinaria do conselleiro de Sanidade no Parlamento”.

Artigos relacionados

Back to top button