PolíticaÚltima hora

O BNG solicitará máis frencuencas e máis baratas no tren Ourense-Santiago

Asemade, o grupo nacionalista do Parlamento Galego seguirá “moi de preto” os avances na A-76 que unirá Ponferrada con Ourense por Valdeorras
Noa Presas. // Foto: Carlos Asensio.

A deputada do BNG por Ourense no Parlamento de Galicia, Noa Presas, reclamou na mañá de hoxe, 11 de xaneiro, unha rebaixa “do 30 por cento” no prezo do billete ordinario dende Ourense a Santiago, “isto supón unha rebaixa de 16 euros, que é o que custa actualmente, a 10 euros”, dixo.

A deputada nacionalista recalcou que no 2018 as comunicacións “entre as vilas de Ourense e da cidade coa capital do país -por Santiago- serán prioritarias para o BNG”. Neste senso, e sen saíres do transporte ferroviario, Presas dixo que tamén van reclamar “máis frecuencias co obxectivo de atraer a máis usuarios e así poder fixar poboación” que actualmente prefire marchar á capital galega xa que “lle resulta máis barato un aluguer que ir e vir todos os días”, manifestou.

Pero o transporte ferroviario non vai ser o único no que se centren os nacionalistas neste novo ano que entra. Noa Presas asegurou que van seguir “moi de preto” os avances na A-76, que unirá Ponferrada con Ourense, pasando por Valdeorras, xa que “o trazado actual tiña moitas deficiencias en canto a cuestións ambientais”, dixo.

A nacionalista reiterou que hai “importantes problemas” nas conexións ferroviarias na provincia. Segundo alertou, “a prioridade do AVE a Madrid deulle carta branca ao PP para desmantelar outros servizos de transporte ferroviario de media distancia”. Concretamente referiuse ao tren que une O Carballiño ou Rivadavia con Ourense. Asemade, a pesares de que o AVANT leva un lustro en activo conectando as dúas capitais, “moitos ourensáns decántanse pola opción do autobús ou a autovía, a pesares de ter unha peaxe cun prezo abusivo, de case 6 euros”, recalcou.

En canto ás frecuencias, Noa Presas reiterou que “están supeditadas ás conexións da capital galega con Madrid” polo que Ourense queda desconectada de Santiago a partires das 12:00 horas, manifestou.

Pero para os nacionalistas non só o tema das frecuencias e do prezo son un problema. O prezo dos bonos tamén representan “unha complicación” para os viaxeiros. En concreto, os bonos de varias viaxes son “irracionais e abusivos”. Presas informou que o de 10 viaxes ten un custo de 37 euros “pero só ten un prazo de 10 días para gastalos”, unha situación parecida ao bono de 30 días.

En conclusión, para os nacionalistas todas estas medidas evitarán que moitos cidadáns que estudan o traballan en Santiago cambien de domicilio á capital. Ademais, apoiou o seu argumentario asegurando que Renfe Viaxeiros obtivo ganancias “nos primeiros nove meses do 2017 con máis de 66 millóns de euros” e asegurou que o Goberno Central prevé destinar máis de 900 millóns de euros as conexións ferroviarias declaradas de servizo público obrigatorio “entre as que se encontra o eixo Santiago-Ourense”, recalcou.

Artigos relacionados

Back to top button