DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Boa acollida da xornada de iniciación ao tiro con arco en Petín

Promovida dende o Concello e impartida polo club ArcoBarco, a actividade desenvólvese no patio cuberto da Casa da Cultura

 

Na mañá desde domingo 22 de agosto, o patio cuberto da Casa da Cultura de Petín acolle unha actividade moi especial. Dentro da programación estival, atípica pola situación sanitaria, dende as dez da mañá e ata as dúas da tarde aproximadamente, desenvólvese unha xornada de portas abertas organizada por membros do club ArcoBarco.

 

 

En concreto é Juan José Alejandre Rodríguez (casado en Petín e membro do club barquense), quen dirixe esta actividade de iniciación ao tiro con arco que tivo moi boa acollida, con numerosas persoas, de idades moi variadas, esperando o seu turno para tirar. Porque diso se trata precisamente, de que “todos os que veñan poidan tirar”, asegura Alejandre, explicando que o que pretenden con esta iniciativa do Concello de Petín é que a xente que así o desexa (seguindo todos os protocolos Covid) teña a posibilidade de coller un arco e coñecer de cerca este deporte, “que comproben que non é tan doado lanzar unha frecha pero tampouco é tan difícil, é cuestión de técnica e práctica”.

 

Juan José Alejandre, do club ArcoBarco, coordinou a actividade.

 

Ademais dun primeiro contacto co arco, os afeccionados e curiosos tamén teñen a posibilidade de ver unha exhibición por parte de varios membros do Club ArcoBarco. De feito, o espazo adaptado para a ocasión dividírono en dúas áreas, unha a cuberto para os principiantes guiados por Juan José e os seus compañeiros (indicando como colocar a flecha, os dedos, o corpo en xeral,…) e outro ao aire libre para a práctica dos profesionais.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button