OurenseÚltima hora

Boa colleita ourensá nos Premios Baco que recoñecen tamén ao enólogo Pablo Estévez

A D.O. Ribeiro era a máis galardoada con 15 medallas, seguida de Valdeorras con 5, Monterrei con 4 e Ribeira Sacra con 1
O enólogo Pablo Estévez cun premio, nunha imaxe de arquivo./ Foto: Carlos G. Hervella.

O Concurso Nacional de Viños Xoves, Premios Baco, vén de facer público o seu palmarés da colleita 2018. En total outorga once grandes medallas de ouro (con puntuacións superiores aos 92 puntos), 61 Bacos de Ouro (entre 88 e 92 puntos) e 45 Bacos de Prata (84-88 puntos). Este certame, que vén organizando dende 1986 a Unión Española de Catadores, deixa un destacado balance para as denominacións de orixe da provincia de Ourense.

Sobresae especialmente o caso do Ribeiro con 15 recoñecementos, un deles o Gran Baco de Ouro novas marcas para O Cotarelo, da adega do mesmo nome. Ademais Deseu (Adegas Terrae) lograba un Gran Baco de Ouro e sumábanse ata sete Bacos de Ouro (Manuel Rojo, Sameirás tinto, Mauro Estévez, Mónica Albor Treixadura, Antonio Montero “Autor”, Verbos inventados e Abismo) e outros seis de prata (Viña Carpazal selección tinto, María Andrea, Beade Primacía, Gomariz X, Priorato de Razamonde e Ramón do Casar).

A isto engádese o feito de que o concurso vén de outorgarlle a Pablo Estévez, moi vencellado ao Ribeiro, o galardón ao Mellor Enólogo de Viños Xoves de España. Estévez está “á fronte de numerosos proxectos na Galicia Vinícola”.

No caso da D.O. Valdeorras eran 5 os premios colleitados: catro Bacos de Ouro (Guitián sobre lías da Tapada, Joaquín Rebolledo godello, O Luar do Sil de Pago de los Capellanes e Verdes Castros mencía de Terriña) e un de Prata (Viñaredo godello de Adega Santa Marta). Ademais Monterrei sumaba dous Bacos de Ouro (Apertas de Bodegas Martín Códax e Abeledos de Concepción Paradela Martínez) e dous de Prata (Pepa Porter de Adegas Terrae e Ceo godello de Martín Códax). Finalmente a D.O. Ribeira Sacra conseguía un Baco de Ouro por Rectoral de Amandi.

No podio de denominacións galegas sobresaían tamén as vinte medallas logradas por Rías Baixas.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close