DeportesKárateÚltima hora

Boa experiencia para as karatekas do River Stone (O Barco) na 1ª fase da liga nacional

Lucía Herrero competía en kumite sénior -55kg e Lena ÁLvarez en kata cadete

 

Desta volta non houbo medalla pero a karateka barquense Lucía Herrero volvía de Alicante satisfeita co resultado conseguido na primeira fase da liga nacional de karate. “Podería ter ido mellor e se cae un podio por suposto que sempre é benvido pero non estou disgustada porque estou pasando algunha rolda, así que ben”, asegura a propia Lucía, que competía na modalidade de kumite sénior -55kg.

A deportista barquense vencía no primeiro combate a Berta Montaner, unha rapaza 4 anos maior, e perdía no segundo contra Sonia Pereira, campioa sénior do ano pasado. “O certo é que contaba con repescar, pero no seguinte combate a Sonia tocoulle contra Carlota, outra rapaza moi boa, e chegaron á decisión arbitral dando por vencida á segunda, co cal Sonia lograba o bronce e eu quedaba fóra”, conta a karateka do River Stone do Barco, asegurando que de momento a sénior aínda non é a súa categoría polo que “o importante é ir ganando experiencia”.

 

Lucía Herrero Valcarce. /Foto cedida.

 

O mesmo que para a outra deportista do club que competiu en Alicante, Lena Álvarez, que lograba pasar a primeira rolda na modalidade de kata cadete, algo que non resulta nada doado nunha competición destas características e con moito nivel deportivo.

A seguinte cita importante para Lucía, no mes de febreiro, será o campionato galego sénior. “Será unha competición interesante porque a miña máxima rival é a miña adestradora, xa que estamos no mesmo peso”, conclúe a deportista valdeorresa.

 

Lena Álvarez en plena competición.

 

Fotos: RFEK

Artigos relacionados

Back to top button