DeportesÚltima hora

Boas sensacións no reencontro dos atletas valdeorreses coa competición

Catro deportistas do Club Adas acudían o 7 de agosto a un control en Pontevedra, a primeira cita galega tras o parón polo Covid

Unha das atletas do Adas, conversando co seu adestrador durante o control de Pontevedra./ Foto: Club Adas.

 

Bo sabor de boca na primeira toma de contacto coa competición dos atletas do Club Adas tras o parón motivado pola crise sanitaria do Covid-19. Catro membros deste club barquense participaban o venres 7 de agosto en Pontevedra no primeiro control de marcas ao aire libre desta inusual tempada.

Dende o club cualifícabanse os seus resultados de “moi esperanzadores de cara á tempada actual”. Así, Iria Taboadela conseguía unha marca de 9’59 en triple na súa estrea nesta proba, “dando sensación de que ten ao seu alcance os dez”, destaca o Adas.

Por outra banda, José Novoas debutaba nos 300 v e, malia aos nervios e ao viento cambiante, conseguía “uns interesantes 47″ que poden ser 45 nas próximas competicións”, auguran dende o Adas.

Ademais Belén García Arias competía nos 400 v. cun sabor agridoce. “A recta final, con molestias nos seus isquios, non fixo xustiza ás posibilidades da nosa atleta que, con moi poucas sesións de adestramento, empeza pouco a pouco a achegarse ao seu verdadeiro nivel”, indica o Adas. Remataba cunha marca de 1:08.34.

Finalmente, a valdeorresa Inés Docampo tomaba a saída nunha proba de 800, que se corría íntegramente por rúas, por protocolo Covid e que lle daba unha marca de 2’26”.

Esta xornada de control bautizada como “Voltamos”, caracterizábase polas “estritas medidas de seguridade e as enormes gañas e motivación en competir por parte das/os atletas”, tal e como resalta a Federación Galega de Atletismo (FGA).

A aplicación do protocolo de seguridade, levado a cabo polos membros do Comité COVID19, obrigaría a “extremar as medidas que en todo momento estiveron presentes na xornada e que foron moi ben aceptadas e seguidas tanto por atletas como polo escaso e previamente restrinxido público existente”, engade a federación.

 

Artigos relacionados

Back to top button