ConcellosÚltima hora

Boborás recibirá 54.000 euros de Medio Rural para a mellora de infraestruturas rurais

Estes cartos serán achegados durante todo o 2018 co obxectivo de sufragar diversas obras de adecuación e posta en valor de pistas no territorio desta localidade

 

Ángeles Vázquez e Cipriano Caamaño.

A Consellería do Medio Rural achegará un total de 53.724 euros no ano 2018 ao Concello de Boborás para mellorar as súas infraestruturas agrarias. Esta é a dotación contemplada no Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal para este concello ourensán, tal e como lle confirmou hoxe, 10 de xaneiro, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, ao alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño, nunha xuntanza de traballo en San Caetano.

Esta cantidade, apuntan dende Medio Rural, é idéntica á recibida por este concello pasado exercicio e destinarase, din, a sufragar diversas obras de adecuación e posta en valor de pistas no seu territorio. Segundo as cifras achegadas pola Consellería, dende o ano 2009 Boborás recibiu un total de 487.538 euros para esta finalidade, o que permitiu actuar en máis dunha vintena de puntos, mediante o arranxo, afirmado e reposición do firme de diversos camiños do seu territorio municipal.

A conselleira e o alcalde destacaron que este tipo de actuacións teñen “unha repercusión moi positiva” na contorna, xa que ademais de “facilitar a mobilidade” dos veciños propician un transporte e unha distribución “máis áxiles e rápidas” dos produtos do agro cara os diferentes mercados.

Ademais de abordar estas melloras, a titular de Medio Rural e o rexedor municipal avanzaron tamén na colaboración entre ambas institucións en materia de prevención e loita contra os incendios forestais. Boborás recibiu nos anos 2016 e 2017, segundo fontes da Xunta, un total de 80.470 euros da Consellería para financiar estes labores, tanto no que atinxe ás infraestruturas preventivas como a tratamentos silvícolas e á dotación das brigadas de prevención e extinción. Na reunión de hoxe sentáronse as bases para continuar con esta cooperación no futuro.

Artigos relacionados

Back to top button