OurenseÚltima hora

Bos resultados para as sereas do Sincro Ourense no inicio de tempada en Pontevedra

A xornada de Rutinas Técnicas Júnior e a 1ª xornada da Liga Galega de Figuras Alevín e Infantil de Natación Artística disputáronse no complexo deportivo Rías do Sur

 

Tralo parón estival regresa a competición de natación sincronizada, e o inicio non pudo ser mellor para o Club Sincro Ourense que lograba moi bos resultados en Pontevedra.

O complexo deportivo Rías do Sur acollía esta fin de semana a xornada de Rutinas Técnicas Júnior e tamén a 1ª xornada da Liga Galega de Figuras Alevín e Infantil de Natación Artística, unhas competicións ás que o club ourensán acudía con seus tres equipos de Nivel Alevín, Infantil e Júnior.

Nesta primeira xornada de figuras, na categoría alevín, seis nadadoras do CNSO están no top ten, sendo a primeira posición para Martina Álvarez. Na categoría infantil, cinco nadadoras lograban posicionarse entre as 10 primeiras prazas, destacando o segundo posto de Iria Fernández.

E en canto á primeira competición de Rutinas Técnicas da categoría Júnior, o equipo ourensán facía podio nas 3 rutinas presentadas: medalla de ouro en Rutina de Equipo Técnico para Antía T., Eva, Erea, Blanca, Elia, Iria, Estela, Antía B., Paula, Sarah e Cristal (reserva); medalla de prata para o Dúo Técnico de Elia e Blanca; e medalla de bronce para o Dúo Técnico de Antía e Eva.

“Tanto o equipo técnico como as nadadoras están moi contentas cos resultados de inicio de tempada”, din dende a directiva do club, asegurando que “reforzarán a confianza das nosas nadadoras que se enfrontarán a vindeira semana aos campionatos de España de Figuras Infantil e Rutinas Técnicas Júnior en Madrid”.

Artigos relacionados

Back to top button