OurenseÚltima hora

O Botánico de Montealegre oferta obradoiros para mellorar a calidade de vida

A oferta está dvidida en talleres para cativos e adultos e fai falta unha inscripción previa para poder asistir
Os obradoiros teñen un límite de 20 prazas // Foto: Carlos Asensio.

O parque Botánico de Montealegre será o escenario de numerosas actividades para toda a familia. Así o explicou hoxe, 4 de setembro, o concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Ourense, José Araújo.

Obradoiros ecolóxicos, xogos, ciclos de cinema, saúde… son algunhas das máis de 20 actividades que ofertará este espazo natural. Segundo explicou Araújo, as actividades están pensadas para toda a familia e “eles agradecen que as organicemos” e asegurou que os usuarios do ano pasado “aseguraron que son moi enriquecedoras”. Así, todos estes obradoiros pretenden “conxugar educación e contacto coa contorna natural”, explicou Lorena Salgado, de Xesmega (empresa encargada de organizar estas actividades.

En canto ás actividades, hainas específicas para nenos de 3 a 10 anos e outras para adultos. Por exemplo, o 17 de setembro, os cativos teñen unha cita co “Tesouro de Montealegre”, na que, a través de pistas, terán que buscar un tesouro neste espazo natural: “o obxectivo é pór en valor o espazo e que aprendan a traballar en equipo”, dixo Salgado. No Samaín (29 de outubro) está previsto un obradoiro de decoración de cabazas e de máscaras e no Masgosto (12 de outubro), gozarán dunha sesión de contacontos con contos populares “para achegar esta festa aos cativos”. Estas actividades para cativos rematarán cun obradoiro denominado “Crea os teus adornos e xoguetes” (17 de decembro) no que “queremos amosar que mediante a reciclaxe de materiais, poden facer adornos e xoguetes”, dixo José Araújo.

No eido dos adultos, hai que salientar o obradoiro de “Mindfultness”, é dicir, unha filosofía de vida que inclúe a práctica da meditación, “xunto a outras técnicas de relaxación” explicou Lorena Salgado. Este obradoiro será o 9 de setembro ás 10:00. Outro obradoiro a destacar é o de “Cambio climático na nosa dieta” no que “analizaranse o tipo de dieta de dúas familias en diferentes contextos socio-culturais”, explicou Lorena Salgado, e no que van ver como esta inflúe nas emisións difusas de gases de efecto invernadoiro e identificar as alternativas individuais e colectivas para modificar os hábitos de consumo de alimentos. Este obradoiro celebrarase o 30 de setembro. A isto hai que sumarlle un ciclo de cine ambiental, no que emitirán películas como “Asolagados, coa auga ao pescozo” (7 de outubro ás 16:00 horas), “Manual de uso dunha nave espacial, marcha atrás e liñas discontinuas” (21 de outubro as 16:00), entre outros.

Os interesados deben de preinscribirse na web do Botánico de Montealegre www.botanicodemontealegre.com .  Os cursos teñen un aforo mínimo de 20 prazas e, no caso de que algún teña moita demanda, “pensaremos en facer o curso outra vez”, dixo o concelleiro.

Cartel co calendario e cos horarios das actividades.

 

Artigos relacionados

Back to top button