En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Boteiros e folións desafían á chuvia no desfile de Viana

Vinte folións e carrozas percorreron a vila tocando e bailando, dende o Toural ata a praza Maior

A previsión meteorolóxica levaba días anunciando auga para o Domingo Gordo, e acabou chegando. Pero nin durou todo o día como se esperaba, nin foi o suficientemente forte para impedir que os folións e comparsas percorreran un ano máis as rúas de Viana do Bolo na mañá do 11 de febreiro, no tradicional defile de Entroido.

Baixo un tímido sol, ás doce do mediodía saía dende o Toural o primeiro folión, o de Cabo da Vila, cunha espectacular carroza en torno ao circo. Despois tocaríalle o turno ao do Tameirón, seguido polo de Grixoá, Bembibre, Santa Mariña, Fornelos de Filloás, Punxeiro, Fornelos de Cova, Quintela de Hedroso, Quintela de Pando con carroza, Buxán… Non sería ata pasada a unha e media cando comezaba a chover, pero a festa continuaba e seguían rumbo á praza Maior o resto de participantes: Vilaseco, As Carrelas, Os Arrieiros de Petín, Vilameao, Penouta-Ramilo, A Veiga, Os Labregos de Trives, o Alternativo cun enorme boteiro feito con globos sobre unha carroza, e Fradelo que pechaba este ano o desfile.

A seguinte cita, tiña lugar no pavillón de deportes e na carpa onde se celebrou unha nova edición da Festa da Androlla.

Fotos: Mónica G. Bellver

Máis fotos:
https://www.osil.info/multitudinaria-xlviii-festa-da-androlla-viana-bolo/

Artigos relacionados

Back to top button