CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Boteiros, fulións e Festa do Cabrito o Sábado de Entroido en Vilariño de Conso

Este será o día grande dunha festa que se iniciará xa o día 13 e que se prolongará ata o 26 de febreiro

Un dos folións do municipio de Vilariño de Conso./ Foto: A.R.

 

Aproxímanse os días grandes dunha festa de referencia para Vilariño de Conso: o Entroido. O calendario de actos comezará o 13 de febreiro ás 21h. coa Cea de Compadres, continuará o 21 de febreiro ás 12h. co Entroido infantil e coa Cea de Comadres (ás 21h.) e chegará ao seu punto álxido o Sábado de Entroido, 22 de febreiro.

Esta será unha xornada especial e moi intensa, que se iniciará ás 11:30h. co pregón e a apertura dos defiles a cargo da Banda de Gaitas de Vilariño de Conso. E tras os toques de bombos e aixadas e os saltos dos boteiros, o desfile dará paso á XXXI Festa do Cabrito no pavillón municipal.

O seu menú (empanada, chourizo escaldado, cabrito asado de xeito tradicional, bica manteigada, bebidas e licores) terá un prezo de 17 euros en venda anticipada (ata o 16 de febreiro) e de 25 euros no caso de compras de última hora.

 

 

Pola tarde continuará a festa, con exhibición de Boteiros e bombos ás 18h., co ritmo do Disco Gramola ás 19h. e coa Orquestra Olympus. Tamén haberá concurso de disfraces e premios ata a madrugada.

Os actos proseguirán o 23 de febreiro coa visita a unha aldea e cunha pequena representación de versos e de foliada tradicional (18h.), o 24 de febreiro con ronda de folións e cea a base de “porco ó espeto” (18h.), o 25 de febreiro coa queima dos Lardeiros e ronda de folións (18h.) e, finalmente, o 26 de febreiro co enterro da sardiña e sardiñada (ás 19h.).

O Entroido de Vilariño, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, está considerado un dos máis tradicionais da comunidade. Este actos serán organizado polo Concello de Vilariño de Conso e pola Asociación Xuntos polo Fulión.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button