EconomíaEconomíaÚltima hora

O Botelo do Barco recalará de novo na cidade olívica

A IV edición da cita gastronómica en Vigo será o 3 de marzo no Hotel Coia
Os alcaldes do Barco e Vigo, na anterior edición da Festa do Botelo en Vigo./ Foto: Carlos G. Hervella.

Xa está en marcha a IV edición da Festa do Botelo en Vigo que se celebrará o 3 de marzo, un ano máis no restaurante do Hotel Coia.

Para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés, consistente no estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, o Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova cita gastronómica na cidade olívica. O xantar comezará en torno ás 14 horas coa sopa de cocido e a empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. Para a sobremesa haberá bica e unha actuación musical. A comida custa 27 euros por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o 20 de xaneiro a súa décimo oitava edición na vila do Barco á que asistiron máis de 1.300 persoas. O día 3 de febreiro celebrouse a V edición da festa na Coruña cuns 350 asistentes e a rolda de promoción rematará en Vigo no mes de marzo.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

 

Cartel da Festa do Botelo do Barco en Vigo.

Artigos relacionados

Back to top button