ConcellosÚltima hora

Brinde con viño trivés como broche do VII Encontro Xacobeo Peregrinas, en Sober

Entre as participantes nesta iniciativa, celebrada no Pazo de Sober, estaba a adegueira trivesa Xiana Domínguez

 

O Camiño de Inverno e a experiencia da peregrinación desde un punto de vista multidisciplinar centrou o VII Encontro Xacobeo Peregrinas, que se celebrou no Pazo de Sober no marco desta iniciativa incluída na programación do Xacobeo 21-22, que contaba coa participación, de maneira presencial con Xiana Domínguez, enxeñeira agrícola de Trives, adegueira e viticultora; Sabela Maneiro, integrante do grupo As Tanxugueira; Mamen Quitas, de Ficción y Producciones. Ademais, participaba, a través dunha peza de vídeo, Victoria Veguín, escritora e catedrática de matemáticas.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, foron as encargadas de abrir o encontro abordando o papel da muller e a súa visibilización desde o punto de vista do emprego e do emprendemento vencellado ao Camiño de Santiago, afondando no papel da muller desde unha perspectiva ampla e integradora. A esta actividade tamén acodía o alcalde de Sober, Luis Fernández.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia fixo fincapé nas iniciativas que o Goberno galego está a por en marcha para que a celebración deste Ano Santo sexa máis integradora, ampla e diversa como é o caso do programa O Teu Xacobeo que está a piques de rematar. “É un programa que nace de abaixo a arriba, que implica a todo tipo de entidades e asociacións e que nos está a permitiu difundir a celebración do Ano Santo dun xeito integrador e diversificado por todo o territorio, facendo máis presentes os valores do Camiño na propia sociedade galega”.

Pola a súa banda, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, incidiu na importancia de formar, sensibilizar e reeducar en materia de igualdade de xénero para acabar coa fenda salarial. Sinalou que a corresponsabilidade nas tarefas do fogar é necesaria para que as mulleres teñan as mesmas oportunidades que os homes á hora de acceder a un posto de traballo e puxo en valor as accións formativas que está levando a cabo a Consellería de Emprego e Igualdade para concienciar ao tecido produtivo sobre unha igualdade “práctica e tanxible”.

Despois ían intervindo Sabela Maneiro, do grupo musical galego As Tanxugueiras; a produtora audiovisual, Mamen Quintas, a representante da adega Chao do Couso (na D.O. Ribeira Sacra), Xiana Domínguez; contando as súas experiencias, proxectos e expectativas. Finalmente, a través dun vídeo, participaba a catedrática en Matemáticas, Victoria Veguín, que participou de xeito telemático.

Este encontro tiña como broche un brinde con viño elaborado por Xiana Domínguez, na súa adega en Trives. Este é o segundo encontro que se realiza coa participación de público, busca xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista a través das experiencias das diferentes convidadas.

Despois dos celebrados en Santiago, Mondoñedo, Padrón, Xunqueira de Ambía, Vigo e Portomarín, dedicados aos diferentes trazados da Ruta Xacobea, esta foi a quenda do Camiño de Inverno, o único dos Camiños de Santiago que transcorre polas catro provincias galegas. Da man das convidadas, o evento, que volveu ser retransmitido vía streaming, permitiu afondar nas posibilidades que ofrece esta ruta para os peregrinos así como a experiencia coa peregrinación e co Camiño que tiveron as participantes desde moi diferentes ámbitos de coñecemento.

Artigos relacionados

Back to top button