En portadaSanidadeÚltima hora

Brote de coronavirus en Viana do Bolo

 

Seguen aparecendo casos de Covid na parte oriental da provincia de Ourense. Tras os confirmados en Valdeorras, agora veñen de saír á luz outros en Viana do Bolo. Trátase dun brote familiar con varios afectados, unhas seis persoas, que están illados e a seguemento nos seus domicilios, tal e como confirma a Consellería de Sanidade. Estase a estudar a orixe deste brote e tamén facendo seguemento e rastrexo dos seus contactos.

En Viana recíbese con moita preocupación a nova. “É unha mala noticia, unha situación complicada nestes momentos xa que ata o de agora non tiñamos nada. Esperamos que non se aumente. O que si que nos confirmaron é que non había ningunha persoa hospitalizada e que todos estaban confinados no seu domicilio en corentena e estase facendo o rastrexamento dos seus contactos”, sinala o seu alcalde, Secundino Fernández, que vén de emitir un bando informativo relativo ao brote.

No bando incia que “neste complicado momento o primeiro é darlle ánimo ás persoas infectadas, así como desexarlles unha pronta recuperación e pornos á súa disposición para axudar no que precisen a nivel persoal”.

O rexedor tamén chama á colaboración cidadá para que se extremen as precaucións, “manter as medidas preventivas, máscara, lavar as mans, normas de protección… reafirmarnos nelas e mantelas”.

Así mesmo, Secundino Fernández sinala que dende o Concello “estamos a disposición de toda a veciñanza para o que precisen. É momento de traballar todos xuntos para vencer esta pandemia e para voltar con máis enerxía e ganas de gozar, vivir e traballar na nosa querida Viana”.

Artigos relacionados

Back to top button