DeportesÚltima hora

A I BTT Solidaria de Boborás recadará fondos para a investigación do cancro

A cita deportiva terá lugar o 18 de xuño e os cartos serán doados á Asociación Española Contra o Cancro
Dora Gómez, Juan Anta e Patricia Torres.

A primeira BTT solidaria do Concello de Boborás será en favor da Asociación Española contra o Cancro. Esta proba celebrarase o vindeiro 18 de xuño.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe, 1 de xuño,  nun acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; a tenente de alcalde de Boborás, Patricia Torres; e a presidenta da AECC de Ourense, Dora Gómez.

A proba deportiva conta cun percorrido de preto de 40 quilómetros que serán cronometrados. A saída será ás 9:30 horas diante do CEIP Nosa Señora de Xuvencos. Haberá unha clasificación feminina e masculina absoluta, con trofeos para os tres primeiros clasificados de cada unha delas. Tamén haberá dous trofeos de honra para o participante de máis idade que remate a proba, así como para o máis novo. Os interesados en participar poderán inscribirse na páxina www.championchipnorte.com, por un custe de 14 euros, sendo a metade da cota destinada para AECC de Ourense.

A tenente de alcalde de Boborás sinalou que este tipo de iniciativas “favorece o deporte, a Asociación Española contra a Cancro, pero tamén nos permite dar a coñecer o noso municipio”. Tamén Juan Anta felicitou ao Concello de Boborás por organizar esta proba pois “o deporte vencellado ao turismo ocupan un binomio esencial para dinamizar o territorio” e destacou o carácter solidario deste evento deportivo.

Pola súa parte, a presidenta da AECC de Ourense agradeceu á organización “que pensara na nosa asociación que por primeira vez está presente nesta disciplina deportiva”, e lembrou que “o 20% do recadado para a Asociación sempre se destina para investigación”.

As actividades comezarán o día antes da proba, o sábado 17 de xuño, a partir das 16:30 horas, coa recollida de dorsais e cun mercado solidario, onde todo o recadado na venta será para a Asociación Española Contra o Cancro. A xornada estará amenizada coa música a cargo dun Dj.

Asemade, para os máis cativos haberá un circuíto ciclista infantil, dirixidos a nenos de entre 3 e os 12 anos, onde poderán participar coas súas bicicletas. Esta actividade está composta dun circuíto de educación vial con sinais de tráfico e semáforo, así como dun parte de adestramento formada por unha gymkana de habilidade con xogos e saltos. As actividades infantís son de carácter gratuíto.

Así mesmo, haberá unha carpa taller de reparación de bicicletas, para información e posibles avarías, que atenderán técnicos titulados polas Federacións de ciclismo.

Artigos relacionados

Back to top button