ConcellosGalerías de fotosÚltima horaViana do Bolo

Buddy Style presenta a súa obra en Viana con dúas exposicións en bares

Abrirán as súas portas nesta fin de semana no Carpe Diem e no Callejón, cun total de 25 cadros

 

De orixe vianesa, aínda que nacido en Donosti, o creador Buddy Style decidía hai catro anos instalarse en Ourense. E, dende entón, mantén un contacto máis estreito coa terra da súa nai e dos seus avós. Nesa liña, neste verán dará a coñecer por vez primeira a súa obra en Viana do Bolo con dúas exposicións, ambas en establecementos de hostalaría da vila.

A primeira delas, instalada no Carpe Diem, inaugurarase mañá ás oito da tarde. Un día despois, o domingo poderá visitarse a partir das 20:30h. outra mostra no Bar O Callejón. Entre as dúas reúnen unhas 25 de obras (entre 12 e 14 en cada local) de temática diversa, pero que se centra principalmente nos retratos. “A idea era retratar aos propietarios dos bares e tamén aos camareiros para que a xente que visite o local os poida identificar”, conta  este artista.

 

 

 

Noutros cadros plasma diversos recunchos do casco antigo vianés, como é o caso da praza Maior ou a zona do castelo e mesmo hai un guiño ao Entroido vianés nunha das obras, que recolle a imaxe dun Boteiro entrando na praza xunto a unha moza que toca o bombo no fulión. As exposicións reúnen cadros de diferentes formatos e técnicas e poderán visitarse ata a primeira semana de setembro.

 

 

 

Este artista, que pinta dende neno, móvese no pop art e no postgraffiti, e durante o confinamento realizaba unha serie de murais de actores galegos tan coñecidos como María Mera, Touriñán ou Lucía Rodríguez. “Antes utilizaba o spray pero agora uso o rotulador”, comenta. Ademais destaca que estas dúas exposicións en Viana son froito da colaboración cos responsables dos dous bares, “ambos con xerencias novas e man de xente moza”, comenta.

Fotos cedidas por Buddy Style.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close