En portadaEntrevistasÚltima hora

“Buscamos que as nosas campañas sexan innovadoras e orixinais”

O presidente do Barco Centro Comercial Aberto, Ángel Álvarez, fai balance do labor desenvolvido por esta entidade tras recoller unha mención honorífica nos Premios Nacionais do Comercio 2014
O presidente do Barco CCA, Ángel Álvarez (no centro da imaxe), tras recibir a mención honorífica nos Premios Nacionais de Comercio 2014.
O presidente do Barco CCA, Ángel Álvarez (no centro da imaxe), tras recibir a mención honorífica nos Premios Nacionais de Comercio 2014.

Hai apenas unha semana, O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) recollía en Barcelona de mans do secretario de Estado de Comercio, Jaime García-Legaz unha mención nos Premios Nacionais de Comercio 2014. Era a primeira vez que esta entidade valdeorresa resultaba distinguida a nivel español, nun acto no que ademais era a única representante da comunidade autónoma de Galicia. A distinción, que valora o traballo desenvolvido ao longo do pasado ano polo CCA, recibíaa, o seu presidente, Ángel Álvarez, quen estivo acompañado neste evento pola vicepresidenta, Ángeles Rodríguez Pérez, e a tesoureira da entidade, Sandra Moldes, ademais de pola concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio do Barco, Irene Dacal.

“Para nós é o recoñemento ao labor dun ano que foi moi complicado, de moito traballo, de moitos e novos proxectos, algúns dos cales quedaron aínda gardados nun caixón porque por falta de recursos económicos non se puideron acometer, pero que están aí listos e en calquera momento pódense utilizar”, destaca Ángel Álvarez, que asumía a presidencia do Barco CCA en abril de 2013. Tomaba as rendas cun equipo renovado en gran medida e que decidía darlle un xiro considerable á liña de campañas e actividades desenvolvidas ata o momento polo CCA. Froito dese esforzo e desa nova aposta, que se materializaba ao longo do 2014, xurde esta distinción nacional. É a primeira que a logra O Barco CCA, malia que se leva presentando a estes premios nacionais dende a súa creación hai xa once anos.

Ángel Álvarez destaca que este galardón non sería posible sen o apoio dos socios, da xunta directiva e das entidades que respaldan ao Barco CCA. Por iso, engade, “debemos dar as grazas aos asociados porque se non formasen parte do CCA e non participasen nas actividades, non se poderían realizar estas campañas. Tamén queremos amosar o noso agradecemento á xente que día a día fai posible que os negocios estean abertos e que se achegan a mercar neles. E, por suposto, á xunta directiva do CCA, por traballar durante un ano moi, moi duro”. Tamén adianta que este ano o CCA vén de presentarse novamente aos Premios Nacionais de Comercio.


O CCA vén de recibir un premio que trascende o ámbito provincial e mesmo galego, ¿que supón para esta asociación barquense?

Ten unha trascendencia nacional e iso é moi importante, valórannos polas actividades que temos desenvolvido e iso para nós é unha gran satisfacción. Ademais hai que ter en conta que o resto dos premiados eran entidades de grandes cidades como Barcelona, Alicante, Málaga… e nas que se recoñecía a súa capacidade por atraer turismo de transatlánticos, algo ao que no Barco non podemos chegar, pero si poderíamos conseguir traballar con turistas se chega a funcionar o plan turístico que se está promover. A única entidade nestes premios non só pequena, senón tamén dun ámbito que non sexa unha gran cidade foi a nosa. Fumos tamén os únicos representantes de Galicia no acto xa que, aínda que tamén estaba premiada cun accésit a Asociacióin Zona Comercial Obelisco da Coruña, non acudiron á entrega.

¿Como foi o acto?

Foi unha experiencia moi interesante porque, ao estar con representantes doutros lugares e ver o que eles fan, decátaste de que realmente eles non están a facer nada que nós non fagamos, non inventaron nada, senón ao contrario. Nós debemos pór en valor o noso traballo xa que no CCA os proxectos impúlsanse dende a xunta directiva, mentres que asociacións comerciais como as premiadas contan, a parte de coa xunta directiva, cun equipo executivo de máis de seis persoas, con directores de marketing… En definitiva, dispoñen de máis medios e de máis recursos económicos e cun público moito maior xa que falamos dos milleiros turistas que lles chegan en transatlántico.

Este tipo de eventos tamén permiten achegar O Barco CCA ás institucións de Comercio do Estado, algo que non acostuma ser nada doado…

Efectivamente, é unha oportunidade de coñecer e achegarse aos responsables institucionais para unha asociación pequeniña como a nosa. Chegar directamente a eles é bastante complicado e lograr recoñecementos deste tipo é un xeito, primeiro, de dar a coñecer a comarca de Valdeorras a nivel español, e, ademais, de difundir o labor da asociación.

Ademais da difusión que se lle está dando nos medios de comunicación, ¿vaise dar a coñecer este galardón a nivel da asociación dalgún xeito especial?

Si, imos difundilo de varias maneiras. De feito, dende hai uns meses en toda a cartelería na que aparece o logo da asociación, xunto a el, incluíse a referencia á mención honorífica dos Premios Nacionais do Comercio 2014. E, a partir de agora, incluirémolos nos escaparates. Introduciremos neles o diploma que nos deron para a súa maior promoción.

O ano 2014 materializábase un cambio á hora de plantexar as accións de promoción do Barco CCA e que, ao mesmo tempo, coincidía cuns recursos moi limitados…

A pesar dos poucos recursos que tiñamos fumos capaces de realizar un montón de actividades novas e colaboramos con numerosos sectores. Por iso a nivel persoal e da xunta directiva este premio é como un pequeno recoñecemento ao labor desenvolvido durante o 2014, que foi un ano moi duro, no que traballamos moito e con multitude cambios, xa que modificamos boa parte das actividades que había para introducir outras novas.


¿Cal é a filosofía das nova liña de accións que se introduciu na asociación?

O que nós intentamos dende o ano 2014 é desenvolver actividades que impliquen a moitos sectores e que movan xente. Pretendemos encher as rúas de xente e a nosa idea é que o público quite o medo e se achegue aos comercios, sempre usamos o comercio como escaparate para que se aproximen a el, queremos atraer ás persoas a ese escaparate con diferentes propostas. E sempre buscamos que as nosas campañas sexan innovadoras e orixinais, son os puntos que destacamos. Ao mesmo tempo son propostas para todo tipo de público e para todas as idades, dende nenos ata maiores.

¿Tamén se persegue involucrar a diversos ámbitos económicos e sociais, e mesmo educativos?
Si, pretendemos implicar aos diferentes ámbitos presentes na comarca: o deportivo, o cultural o educativo… e ímolo facendo pouco a pouco. Trátase de traballar de maneira conxunta e de facer actividades que acheguen o seu labor ao comercio e, ao revés, achegalos a todos eles ao comercio. Penso que é algo que debemos seguir desenvolvendo, buscando alianzas como outros sectores como podería ser o do viño, etc.

¿No 2015 o número de campañas vai ser semellante ao do ano pasado?

Si, no 2014 fixemos unhas 33 campañas e este ano a idea é levar a cabo unhas 30. Nelas estamos mantendo colaboracións e creando outras novas, como pode ser no caso da campaña “Pon de moda o galego!!!” cos centros educativos. Seguimos con campañas xa realizadas no 2014 como a “Noite Branca” ou o “Teatro nos escaparates”, que resultaron un éxito, e ademais estamos incorporando outras novas como as dos días do Pai ou da Nai, que nunca se celebraban, ou a chamada “Actualiza o teu estilo”, entre outras.

A resposta do público está sendo positiva, ¿é a dos asociados?

Cando nos collemos a dirección da asociación había unha media de 10-20 asociados que participaban nalgunhas campañas. Agora mesmo nalgunhas están participando case o 100% dos socios e noutras unha media de 30-40 negocios. Isto é o dobre, cambiou moito a participación. Polo tanto, o volume de participación é diferente e tamén hai que ter en conta que se incrementou moito o número de campañas. Ademais aumentouse o número de asociados, agora estamos nun cento e nesta última semana tivemos novas altas.

Texto: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button