PolíticaÚltima hora

Caballero: “A Galicia do futuro hai que facela en sintonía co poder municipal”

O líder dos socialistas galegos mantiña un encontro en Ourense con alcaldes galegos deste partido

 

Na cidade de Ourense tiña lugar ás 11:30h., xunto á fonte das Burgas, un encontro entre o candidato do PSdeG á Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, e os alcaldes socialistas de Galicia. A este “cumio municipalista” acudían, entre outros, os alcaldes de Santiago, Vigo (tamén presidente da FEMP), Ferrol, as alcaldesas da Coruña e Lugo, así como os presidentes da Deputación de Lugo (tamén alcalde de Monforte), da Coruña (e alcalde das Pontes), a presidenta da Deputación de Pontevedra ou o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía.

“Gobernamos en 5 das 7 grandes cidades galegas, en 3 das 4 deputacións, e os gobernos socialistas nos concellos e nas deputacións de Galicia representan progreso benestar, estabilidade e oportunidades para a cidadanía. Hoxe está aquí o poder municipal do PSdeG, o mellor poder municipal de Galicia, tamén cun gran acordo do partido para abrir unha gran etapa de progreso á fronte da Xunta de Galicia”, destacaba Gonzalo Caballero.

Ademais o líder do PSdeG incidía en que “neste cumio municipalista na cidade de Ourense marcamos un novo tempo para Galicia, que necesita un goberno de progreso en sintonía cos alcaldes e alcaldesas socialistas, porque alí onde gobernamos somos a mellor referencia de goberno, porque os alcaldes amosan unha xestión magnífica”.

 

 

Caballero resaltaba que este municipalismo “está ao pé da cidadanía, dando respostas e cubrindo as deficiencias, as insuficiencias e a xestión nefasta de Núñez Feijóo á fronte da Xunta, que foi un escapista nas súas responsabilidades ao longo destes 11 anos de goberno. Amosouno tamén nesta crise do Covid, e alí onde a Xunta non estivo, alí onde a Xunta suspendeu, alí onde a Xunta non tomou medidas, alí estiveron os alcaldes e alcaldesas do partido socialista defendendo os intereses dos seus veciños”.

 

 

Finalmente, Caballero sinalaba que “comprometemos que o goberno socialista á fronte da Xunta a partir do 12X vai acadar un gran acordo pola reconstrución de Galicia e que xuntaremos na mesma mesa a todo o poder municipal de Galicia, co presidente da Xunta para acadar unhas follas de ruta que lle dean ao noso país unha orientación para ser capaz de remontar esta crise, de reconstruír o país, de facer políticas para que ninguén quede na cuneta”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button