PolíticaÚltima hora

Caballero avanza un “traballo intenso” para acadar “un cambio de ciclo” e devolver un alcalde socialista a Ourense

O secretario xeral do PSdeG reuníase coa executiva local da cidade das Burgas
Gonzalo Caballero reunido coa xunta local do PSOE de Ourense.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reuníase na tarde do 16 de marzo coa executiva local da cidade de Ourense, e avanzou “un traballo intenso” ao longo deste ano para acadar “un cambio de ciclo” e volver a situar un socialista na alcaldía desta cidade.

“Temos boas perspectivas na cidade”, resaltou o líder dos socialistas galegos, quen recordou que o PP, que goberna este concello, nin sequera foi quen de “aprobar un orzamento”. “É unha excepción na política municipal das grandes cidades”, criticou “a incapacidade do PP para acadar acordos”. Por iso, chamou a que a esquerda recupere o seu “espazo político” e propicie “un cambio de ciclo” nas eleccións municipais do ano próximo. Chegará, como dixo, porque o PSdeG está “volvendo á normalidade” e hoxe a cidadanía da cidade e da provincia pode percibir “un partido fortalecido”.

Con esa mesma perspectiva, Gonzalo Caballero comprometeu que os socialistas traballarán “arreo” para superar outra “excepción”, a de que o PP manteña a Deputación de Ourense, pois é a única de Galicia que non goberna a esquerda. “Cremos que Ourense merece algo mellor”, sinalou reprobando decisións da dereita, como a supresión da área sanitaria de Valdeorras ou a “incapacidade” de abrir o aparcamento do hospital da cidade.

A maiores, coa vista posta nas protestas de pensionistas que terán lugar mañá, e que contan co apoio do PSOE, Gonzalo Caballero esixiu a Baltar e a Feijóo que “retiren o seu apoio a Rajoy” para que cese o desmantelamento do sistema público de pensións.

Artigos relacionados

Back to top button