PolíticaÚltima hora

Caballero en Ourense: “O PP xa non ten excusas, é hora de rachar cunha situación caótica poñendo a sinatura nunha moción de censura”

Publicidade
Gonzalo Caballero na súa visita a Ourense na mañá deste mércores.

 

Ata a cidade de Ourense desprazábase esta maña o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para amosar o seu respaldo ao voceiro municipal e secretario xeral do PSdeG na provincia, Rafael Rodríguez Villarino, logo de que anunciara a súa retirada para propiciar “unha moción de censura que poña fin ao caos na terceira cidade de Galicia”.

Para Caballero “o PP xa non ten escusas nin pretextos. É hora de tomar unha decisión e de rachar cunha situación caótica poñendo a firma nunha moción de censura”. Ademais incidía en que Feijóo “ten que decidir se quere sacar a Ourense da parálise ou se vai seguir sendo responsable desta situación de esperpento”.

O líder dos socialistas galegos tamén aseguraba que “Baltar dicía que en cinco minutos se resolvería o cambio político en Ourense se Rafa Villarino accedía a non ser candidato, a pesares de ser o cabeza da lista que gañou as últimas eleccións municipais, polo que agora ten que colaborar para dar unha saída de futuro para a cidade”.

Caballero considera que “se o PP non propicia o cambio político en Ourense, estanse a facer un haraquiri político porque os ourensáns e as ourensás saben que o PP é o responsable deste caos”. Ante a petición do PP de dimisión de Villarino como concelleiro, o máximo dirixente do PSdeG instou aos populares a “poñer unha firma para a moción de censura e deixar de tomar o pelo aos cidadáns”.

En paralelo, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos puxo en valor “a dignidade, a xenerosidade e a responsabilidade” do voceiro do PSdeG no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, ao amosarse “disposto a poñerse ao carón doutro alcalde socialista” para dar futuro á cidade.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, amosou o seu agradecemento ao secretario xeral do PSdeG polo apoio. “As súas palabras son unha honra”, sinalou.Ademais, Villarino lamentou que o PP estea “enredando” e “confundindo” á cidadanía acusándoo de tentar unha manobra para converterse en alcalde logo da moción de censura a Jácome.

 

Artigos relacionados

Back to top button