PolíticaÚltima hora

Caballero: “Hai que aproveitar a posibilidade dos fondos europeos para revitalizar a Galicia rural”

O secretario xeral dos socialistas galegos iniciaba en Ribas de Sil unha visita por cinco concellos do sur da provincia de Lugo

 

Ata Ribas de Sil desprazábase na mañá deste 18 de marzo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, onde era recibido polo seu alcalde, Miguel Ángel Soutela, así como por membros da Corporación, entre outros representantes políticos, no camping do Xeoparque Montañas do Courel.

“Agradecemos esta visita de Gonzalo Caballero, estamos encantados de recibilo nesta instalación que estamos a piques de rematar no Concello, é unha obra importante para nós e que estamos executando con fondos propios agora mesmo. E tamén lle transmitimos a Gonzalo que interceda polos concellos do rural e polos concellos pequenos como Ribas de Sil, que estamos apartados das grandes comarcas e das grandes zonas de decisión”, aseguraba Soutela.

Pola súa banda, Caballero poñía en valor o traballo realizado polo rexedor de Ribas de Sil nos máis de vinte anos que leva ao fronte do Concello, así como a súa capacidade de “facer políticas progresistas na Galicia rural”. Dende este municipio lucense, Gonzalo Caballero expresaba o seu compromiso coa Galicia do medio rural “para darlle posibilidades de vida á xente que vive na Galicia interior, é necesario ter unha folla de ruta comprometida para xerar emprego, para dar servizos públicos en pé de igualdade aos galegos que viven no rural con respecto aos que viven na Galicia urbana, tamén para garantir infraestruturas, posibilidade de vivenda e para non permitir que a Galicia dos pequenos concellos poida esmorecer”.

Nese senso, o secretario xeral dos socialistas galegos indicaba que “é necesario aproveitar a posibilidade dos fondos europeos para revitalizar e darlle emprendemento á Galicia rural, por iso necesitamos avanzar para que dos 10.000 millóns de euros de fondos que destinará o goberno de España ao reto demográfico cheguen aos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes”, algo que é “vital para o rural”.

O líder dos socialistas galegos considera que se trata dunha “oportunidade histórica” para revitalizar o rural galego logo de 12 anos con Feijóo na Xunta, unha etapa na que “falar da Galicia rural foi falar do abandono, o esquecemento, o despoboamento e a falla de medidas”. Apuntou que “agora temos que reverter este déficit de políticas” do goberno galego, que realizou unha xestión “incapaz e insuficiente para o medio rural”.

Así, chamou a aproveitar estes fondos de recuperación para reforzar o emprendemento, mellorar os servizos públicos e conectar dixitalmente todo o territorio, ao tempo que apuntou ao turismo e á cultura como “medios de vida fundamentais da Galicia interior”.

Gonzalo Caballero sinalou que “non podemos desaproveitar a oportunidade histórica de ter fondos dispoñibles con políticas expansivas para despregalos por todo o territorio para posibilitar ese reto demográfico que temos que superar. Os socialistas imos traballar para que eses fondos cheguen de forma efetiva para “reverter a Galicia baleira, na que a xente que vive nos concellos pequenos se sente esquecida”.

O responsable socialista comezou en Ribas de Sil unha xornada por distintos concellos da comarca, sinaladamente Quiroga, Folgoso do Courel, así como por outros próximos como A Pobra de Brollón e Bóveda, na que tamén participou a secretaria provincial do PSOE de Lugo, a parlamentaria Patricia Otero.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

 

Gonzalo Caballero en Folgoso do Courel./ Cedida.

 

Gonzalo Caballero, en Quiroga./ Cedida.

Artigos relacionados

Back to top button