Galerías de fotosPolíticaÚltima horaVídeos

Caballero no Barco: “Imos darlle ao Hospital de Valdeorras todos os servizos que o PP de Feijóo lle quitou en 11 anos”

O candidato socialista chamou á mobilización do voto e afirmou que "sei que Valdeorras existe, e serei un presidente da Xunta comprometido coa comarca"

 

O candidato do PSdG-PSOE á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, afirmaba na tarde do 7 de xullo nun acto de campaña no Barco que “sei que Valdeorras existe, e serei un presidente da Xunta comprometido coa comarca”. Neste mitin tamén estiveron presentes a vicepresidenta do Goberno de España, Carmen Calvo; o candidato barquense ao Parlamento de Galicia, Eduardo Ojea; o alcalde do Barco, Alfredo García; alcaldes, concelleiros e representantes socialistas da comarca. Todos os asistentes ao acto se someteron a un control de temperatura e gardaron todas as medidas de seguridade.

 

Gonzalo Caballero durante o acto.

 

En materia de sanidade o candidato socialista prometía que “imos darlle ao Hospital de Valdeorras todos os servizos que o Partido Popular de Feijóo lle quitou en 11 anos”. Por outra banda, recoñecía que había que “reforzar o tecido industrial da comarca e darlle viabilidade ao sector da lousa para manter o emprego”. En canto ao sector vitivinícola reforzou a idea de deseñar “plans de comercialización para vender o viño”.

 

 

O programa político que comunicou baseouse, en materia de sanidade, na creación de 5.000 prazas estables, e 2.000 prazas públicas para as residencias de maiores. Así, no caso da educación, prometeu a volta do sistema de libros de texto gratis, e a concesión dun ordenador portátil para cada alumno. “Desta crise económica hai que saír pola esquerda para que ninguén quede na cuneta, con políticas de progreso, defendendo a sanidade pública e o estado de benestar”, engadía.

 

 

Tamén chamou á mobilización do voto o 12X, “Estamos nunha reactivación electoral que vai levar a un tsunami na política galega. Temos o proxecto, as ideas, a confianza, e temos que mobilizar ao electorado. Este é o partido que representa o cambio posible para Galicia. Temos ilusión, ganas, paixón, compromiso… Galicia é a nosa causa”.

Ademais, Caballero insistía en que “eu sei que Valdeorras existe e necesita un impulso dende todas as administracións públicas, e quero que teña o peso que merece. Por iso dende que son secretario xeral teño un compromiso claro, primeiro porque imos facer que o alcalde de Petín, Miguel Bautista, entre no Senado inmediatamente; e tamén porque queremos que Valdeorras teña voz no Parlamento de Galicia con Eduardo Ojea como deputado”.

 

Carmen Calvo: “Non temos un candidato para ver que pasa, temos un candidato para gobernar ao día seguinte”

 

Carmen Calvo durante a súa intervención.

 

A vicepresidenta do Goberno de España, Carmen Calvo, comezaba a súa intervención poñendo en valor o entorno do Malecón, onde se celebraba o encontro, “este mitin non o vou olvidar, este sitio é belísimo”.

A socialista fixo un repaso da situación estatal con relación á crise do Covid-19 resaltando que “fan falta moitas ideas progresistas despois desta pandemia”. Así, recoñeceu que era necesario que “o goberno de España arrime o ombreiro ao de Galicia, e non temos un candidato para ver que pasa, temos un candidato para gobernar ao día seguinte. Necesitamos un presidente de Galicia apaixoado pola súa terra”.

 

 

Fixo fincapé na necesidade de revitalizar o mundo rural, xa que Galicia é unha comunidade envellecida. “A vida importante consiste en que a xuventude atope traballo na súa zona”, explicaba. Tamén destacaba a necesidade da mellora das infraestruturas, “sen comunicacións non se constrúe unha comarca”.

Ademais, resaltou a situación do Concello do Barco para referirse ao alcalde, Alfredo García, “é un soño para calquera socialista ter o apoio que tes no Barco”.

 

Eduardo Ojea: “Esta comarca ten que ter voz propia en Galicia”

 

Eduardo Ojea durante a súa intervención.

 

O candidato barquense ao Parlamento de Galicia, Eduardo Ojea poñía a comarca á disposición de Caballero para comezar a súa intervención. “Valdeorras merece un lugar importante e ten que voltar a estar no seu sitio”, reivindicaba.

“Somos unha comarca moi rica, temos moitos recursos: lousa, viño, natureza, a Vía Nova, o Camiño de Inverno, As Ermitas, a Serra da Enciña da Lastra… Esta comarca ten que ter voz propia”, defendía.

En materia sanitaria apuntou aos déficits sanitarios que sofre Valdeorras. Recordou que cos recortes, en numerosas ocasións, os valdeorreses teñen que desprazarse ao Hospital de Ourense, “que está a 130 quilómetros”.

 

 

“O que pedimos é que dende a Xunta teñan en conta a Valdeorras, tanto en sanidade como en educación, como en medio rural. Producimos un viño de moita calidade que necesitamos que saia adiante”, reivindicaba. Referíndose a Carmen Calvo explicou que “aínda que sexamos un goberno amigo, iremos a Madrid a reivindicar, xa que temos unha A-76 que sacar adiante e uns trens que hai que mellorar”, concluía.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, que se definiu como un “presentador do acto”, recordou que unha comarca industrial como a da lousa “necesita axuda”. Ademais, venerou o labor do Goberno de España, “xa que estivo á altura da situación e non deixou aos traballadores abandoados na crise”.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Vídeos: Alba Prada

Artigos relacionados

Back to top button