PolíticaÚltima hora

Caballero reclama a mellora das infraestruturas de Valdeorras e compromiso co hospital

O secretario xeral dos socialistas galegos visitaba esta mañá a comarca e reuníase co alcalde do Barco

Gonzalo Caballero na Torre do Castro (O Barco) durante a visita realizada a Valdeorras.

 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantiña este martes unha xuntanza co alcalde do Barco, Alfredo García, no marco dunha visita a Valdeorras. Dende alí, o líder socialista reclamou á Xunta melloras nas infraestruturas da comarca, así como compromiso co seu hospital e co polígono industrial.

“A Xunta ten que ter en conta a Valdeorras”, sinalaba Gonzalo Caballero, quen ademais se refería ás necesarias melloras nas estradas que unen Valdeorras con Viana e Trives, e na OU-603, así como á atención aos servizos públicos e á xeración de emprego.

“Hai que reclamar todo o que necesita Valdeorras”, subliñou o dirixente do PSdeG, consciente de que esta comarca representa “a Galicia interior”. “E hai que darlle posibilidades para que a xente poida vivir nela”, apuntaba.

Neste senso, Gonzalo Caballero puxo en valor as actuacións do goberno de España para “modernizar a mobilidade” da comarca coas obras de circunvalación do Barco ou a “aposta pola cultura” coa recuperación do BIC Torre do Castro. “Os socialistas temos o compromiso de levar a axenda de prioridades de Valdeorras á mesa da Xunta e do goberno de España”, destacou.

Pola súa banda, o alcalde do Barco agradeceu a visita do secretario xeral do PSdeG para abordar “os problemas de Valdeorras. As nosas peticións son fundamentais para o desenvolvemento da comarca, pero tamén de Galicia”, asegurou Alfredo García, toda vez que “somos unha das bisbarras máis importantes”. “E non podemos quedar abandonados”, finalizou.

Nesta visita Gonzalo Caballero estaba acompañado pola deputada ourensá no Parlamento galego Marina Ortega, polo tamén deputado galego Juan Carlos Francisco, e polo senador valdeorrés Miguel Bautista.

Terceira onda do Covid

Por outra parte, en relación coa terceira vaga da covid, Gonzalo Caballero amosou a súa “preocupación” ante o aumento no número de contaxios e da presión asistencial, polo que chamou a “manter toda a prudencia” e a “non relaxarnos”.

Ademais, reclamou “celeridade” á hora de poñer as vacinas e actuar “con responsabilidade” ante os niveis “crecentes” de restricións.

Artigos relacionados

Back to top button