ConcellosEn portadaÚltima hora

Cabeza Grande de Manzaneda acolleu a final do X Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas

Tivo lugar de 11:00 a 15:oo horas desta xornada de 28 de xullo, no Campo de Competicións

 

Banda de Gaitas do Concello de Vilariño de Conso

 

O Campo de Competicións de Cabeza Grande de Manzaneda acolleu no día de hoxe, 28 de xullo, a fase final do X Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Así, comezaba ás 11:00 horas e remataba, cunha hora de retraso, ás 15:00 horas. Participaban as categorías de Bandas de Gaitas de 1º, 2º, 3º e 4º Grao ademais do concurso de Bastóns de Mando e Gaiteiros Solistas.

Esta fase final do certame comezou co izado de bandeiras da man dos membros da Escola de Gaitas de Manzaneda, compoñentes da futura banda, e ademais contou cunha exhibición do Folión “Os labregos de Trives”. Ao final facíase unha ofrenda floral a Gabino García, o homenaxeado nesta fase final do certame.

 

Folión “Os Labregos de Trives”.

 

Na categoría de 1º Grao, a Real Xuvenil de Ourense proclamábase vencedora, mentres que Toxos e Xestas, de Barcelona, quedaba en segunda posición. Nesta categoría tamén participaron o Concello de Monforte de Lemos e a Casa Galega de L´Hospitalet (Barcelona).

Así, Agarimo de Catabois (Ferrol) facíase co primeiro posto das bandas de 2º Grao, mentres que a Banda de Gaitas do Concello de Xinzo de Limia B foi a que acadou o segundo posto. Pola súa banda, a Municipal de Chantada tamén partipou nesta categoría.

No 3º Grao, produciuse un empate, pero finalmente Ladies Band revalidaron o primeiro posto, mentres que a Banda de Gaitas Preparatorio de Ourense foi segunda. O Concello de Vilariño de Couso tamén participou nesta categoría pero non entrou en concurso.

Por último, o trofeo do 4º Grao de Bandas de Gaitas foi para os leoneses Aires Mineros de Matarrosa do Sil, mentres que o Concello de O Bolo conseguía o segundo posto. O Concello de Riós e Terras do Arenteiro (Carballiño) foron as bandas participantes restantes.

 

Ofrenda floral a Gabino García.

 

En canto ao Concurso de Bastón de Mando, o primeiro posto era para Salma Piñeiro, o segundo para Andrea Rodríguez, e o terceiro para Estela Rodríguez.

Así, na modalidade de Gaiteiros Solistas, de gran afluencia, participaron tres categorías. A primeira foi a de menos de 10 anos, cuxa gañadora foi Raisa Vázquez. A esta seguiulle a de máis de 10 anos, onde Daniel Castiñeira quedaba primeiro e Ignacio González segundo. Por último, na categoría de máis de 18 anos, era a xaponesa Mikiko Watanabe a que conseguía o trofeo. Watanabe, coa súa gaita tapizada de kimono, explicaba que viaxou a Ourense dende o seu país para formarse en mestra gaiteira, onde xa leva cinco cursos.

 

Mikiko Watanabe.

 

“Neste certame hai moi bo nivel, hai seguidores ano a ano e presenza de bandas de fóra de Galicia como Cataluña, Castela e León e Asturias”, afirmaba Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Precisamente unha banda catalana, Toxos e Xestas, acompañaba a ofrenda floral a Gabino Díaz interpretando o himno de Galicia. Así, para finalizar este X Certame Celtibérico, todos os gaiteiros e bandas participantes interpretaron o Himno Antergo Reino de Galicia.

Na entrega de premios participaban o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; a alcaldesa de A Pobra Trives, Patricia Domínguez; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; o director de OCA Nova Manzaneda, Gustavo Sanmartín; o concelleiro de Cultura de Manzaneda, Abel Rodríguez; e a concelleira de Medio Ambiente de Trives, Ana García. Ademais, estivo presente a irmá do homenaxeado Gabino García, Isabel García.

 

Texto: Alba Prada.

Fotos: Carlos G. Hervella agás as primeiras dúas fotos da galería.

Artigos relacionados

Back to top button