Publicidade
En portadaEntrevistasÚltima hora

“Cada día estanse perdendo datos sobre o coronavirus en España, ante isto nós plantexamos unha solución web sinxela”

Juan Carlos Pérez, de San Xoán de Río, vén de presentarlle á Administración estatal unha proposta para implementar unha solución web para coñecer os datos reais desta pandemia no país

Juan Carlos Pérez, pasando a súa corentena en Castiñeiro (Río)./ Foto cedida.

 

En Castiñeiro (San Xoán de Río) está a pasar a súa segunda corentena polo coronavirus Juan Carlos Pérez Rodríguez, natural desta pequena aldea e un dos tres socios da empresa VPF Scandinavia AS, empresa norueguesa centrada no desenvolvemento de solucións de software multiplataforma.

“A primeira corentena paseina cos meus socios David Ferraz e Gabriel Vázquez, tamén galegos, en Noruega, recluídos nunha zona montañosa, desenvolvendo software de entretemento para os noruegueses. Analizando as cifras do coronavirus decidín viaxar a Galicia cos meus pais e estar preparado para un trimestre na aldea. Son estados de alerta para coidar dos maiores. O meu pai, con 84 anos, desexa celebrar o 13 de xuño a festa da parroquia, o San Antonio, e pídelle ao Santo que nesa data todo estea normalizado e poidamos compartila cos emigrantes que están dispersos por España e fóra, que sempre veñen nestas datas para comer o pote”, conta Juan Carlos Pérez.

Neste tempo cos seus pais na aldea, “sos e cun illamento total”, o primeiro que fixo foi poñerse a traballar a distancia cos seus socios nunha aplicación web para combater o coronavirus. “Temos tempo dispoñible ao ter pechado os 45 puntos de Noruega, nos que temos software instalado, pola corentena nese país”, prosegue. Así que, seguindo as recomendacións dos seus compañeiros de China, e “analizadas as súas medidas” vén de realizar un software gratuíto con cesión de uso á Administración española para poder coñecer a realidade dos datos do país en relación co coronavirus.

Primeiro Juan Carlos Pérez presentoullo ao alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, coa idea de implementalo a nivel municipal, logo aos presidentes da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e na mañá deste venres remitíalle esta proposta á Delegación do Goberno en Galicia para que lla transmita ao goberno central e agora agarda a súa resposta. Nesta solución, comenta, “aunamos conceptos de China á realidade europea, cada solución debe adaptarse ao país. No caso español creo que demos cunha moi boa solución dende San Xoán de Río”, comenta.

Esta solución que vostede propón xurde do rural ourensán, de Castiñeiro…

Si, os meus socios están en Noruega e eu teño a fortuna de estar nun paraíso no que podo pensar, respiro aire puro, como caldo galego e a miña cabeza ten que buscar solucións porque eu son así. A enerxía hai que transformala en situacións tan adversas como a que vivimos e con estas comidas, da miña mai Consuelo, todo é máis sinxelo. Á parte de contar con dous motores que me dan máis forza, as miñas fillas Lucía e Lena, que están illadas en Madrid e que quero ver canto antes. Outra das miñas inspiracións son as apertas virtuais que me dan dende Asturias.

¿En que consiste esta solución que vostede plantexa e cales son as súas vantaxes?

Nós o que propoñemos é implementar dentro dunha web da Administración algo tan sinxelo como é o teu DNI asociado a un cuestionario de saúde e aos motivos de saída de casa cunha hora de rexistro de saída e cunha de chegada. Dende o meu punto de vista, a solución que se necesita en España, independentemente da comunidade, debe ser a nivel de interese xeral e nacional. Máis que unha aplicación debe ser unha solución nas webs da Administración, onde eles decidan, pero o meu consello sería no Ministerio do Interior. Do mesmo xeito que hoxe se pide unha cita previa para ir ao médico, para Facenda, para a Seguridade Social, para selar o desemprego…, ¿por que non temos un mapa de cal é a situación real de cada español con relación ao coronavirus, simplemente co seu DNI, o seu domicilio actual á data e cun formulario de autodiagnóstico para coñecer agora mesmo as cifras reais do Estado a nivel de poboación? Con iso pódese obter en 24 ou en 48 horas un debuxo bastante amplo do que é o autodiagnóstico.

Isto acábao de incorporar Noruega, implantárono hai tres días porque non tiñan cifras reais. A diferenza está en que en Noruega non hai un documento de identidade físico, senón un número referido pola data de nacemento e uns díxitos, iso ao introducilo na Administración ou en calquera web tes unha clave, como a clave dixital aquí, pero que é aleatoria para validar que es esa persoa. Nós en España o que propoñemos non é unha aplicación externa, que non ten ningún sentido, senón un desenvolvemento sinxelo nunha web da Adminstración.
Isto ten que ser unha medida moi áxil, porque a min véñenmo advertindo os chineses dende hai catro semanas: cada día estanse perdendo datos.

 

Juan Carlos Pérez (á dereita), cos outros dous socios galegos da empreas VPF Scandinavia: David Ferraz (primeiro pola esquerda) e Gabriel Vázquez.

 

¿Con que obxectivos concretos?

Un é o autodiagnóstics para focalizar co domicilio porque logo tírase da base de datos e faise un Big Data para segmentar focos de infección e localización dos cidadáns. Isto, por privacidade, non debe estar en mans de terceiros, é necesaria a información de datos máis reais dentro do Ministerio do Interior para a loxística de tests e illamento dos cidadáns.

En segundo lugar, está a validación do regreso ao domicilio. É dicir, indicar os puntos aos que se pode saír e  simplemente que se marque a hora de saída e que se valide cando se regresa a casa. Se calquera forza pública me para, e eles si que teñen que ter unha aplicación, poden ver onde se volcaron os datos e a que hora saíu e onde vai.

Hai outro aspecto moi importante. Os colexios electorais dos barrios e municipios onde cada español vai votar poden ser puntos loxísticos. Os colexios téñense que habilitar para ser os puntos dos tests de control que se van a necesitar neste país e esa loxística xa está feita. Teñen que estar illados, selados, e que neles chamen á poboación dacordo ás necesidades e ás avaliacións feitas previamente.

Á marxe das cidades, no caso dunha provincia como Ourense, con numerosos concellos pequenos e no medio rural, ¿esta solución tamén sería viable, tendo en conta que hai moita xente maior e sen conexión a internet?

Accedemos a unha ferramenta na que fillos, netos ou pais poden meter os datos desa persoa maior. Ademais calquera ancián simplemente descolga o teléfono e chama ao Concello correspondente para poder cubrir o cuestionario. Isto non vai ligado a ningunha aplicación.

¿Como ten sido ata agora a acollida da vosa proposta nas administracións?

Pois tiven unha moi rápida resposta tan pronto llo comentei ao alcalde de Río, ao presidente da Deputación e ao presidente da Xunta, quen me indicou que a iso tiña que darlle luz verde o Ministerio do Interior ou a Delegación do Goberno. De momento non teño a resposta do Goberno central, remítinllo esta mañá.

¿Traballa nalgún outro proxecto relacionado con esta crise?

Si, xa estamos traballando noutra iniciativa para entreter á xente no rural e nas cidades, para estar na casa máis a gusto. Hai que intentar axudar dunha forma construtiva e agora mesmo sen ningún lucro.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close