DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Calabagueiros despide a “Pirullo” coa vitoria do C.D. Barco no último partido de liga

Os vermellos poñían o broche á tempada en terceira división co 5-2 ante o SD Negreira

“Con todo o noso cariño, respecto e admiración. Ata sempre presi. Ata sempre Pirullo”. Con estas palabras de Sabino Guitián, Calabagueiros enteiro despedía a “Pirullo” na tarde do 13 de maio.

Era un día especial para o C.D. Barco xa que remataba unha boa tempada en casa, pero uns días antes recibían con consternación a noticia do falecemento de José Fernández Vega, máis coñecido como “Pirullo”, un querido membro da directiva do club barquense, sempre disposto a botar unha man.

Sempre a carón do campo, vixilando que as portas estiveran pechadas, que nos escapara ningún balón,… hoxe, máis que nunca botouse en falta. Por iso, antes de comezar o último partido da tempada ante o Negreira, Sabino (un dos xogadores do CD Rubiá e do Rubiá FS que Pirullo presidiu antes de recalar no Barco) adicáballe unhas sentidas palabras de agradecemento e despedida. “Só che pido unha cousa máis: que nos deixes formar parte do teu equipo cando nos volvamos a ver”.

De seguido saltabana ao terreo de xogo os planteis de ámbolos dous equipos e O Barco pousou cunha foto de Pirullo antes de gardar un minuto de silencio na súa memoria e comezar o encontro. Un partido dominado nos primeiros minutos polos barquenses que en menos de media hora marcaban catro goles: Argos, David Álvarez en dúas ocasións e Raly, chegando ao descanso co 4-0. Momento que a directiva aproveitaba para convidar a xamón serrano á afección presente no campo.

Tralo paso polo vestiario, os de Negreira saíron a por todas e Adrián marcou dous goles case seguidos pero os de Javi Rey non estaban dispostos a deixar escapar a última vitoria da tempada, sentenciando o encotro co 5-2 definitivo tralo segundo gol de Argos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button