OurenseÚltima hora

O calendario solidario de Down Ourense introduce aos usuarios no interior do CHUO

Os almanaques teñen un custo de cinco euros e o recadado irá destinado a proxectos de promoción da autonomía dos usuarios da asociación

Un ano máis, Down Ourense publica o seu calendario solidario 2018 para recadar fondos para a asociación. Desta volta, elixiron ao persoal sanitario do CHUO para ilustrar o almanaque. Os fotógrafos Mani Moretón e Emilio Romanos foron os encargados de facer este traballo “co que pretendemos que os usuarios sexan un máis dentro da vida do hospital”, dixo a xerente de Down Ourense, Susana Rodríguez, na presentación de hoxe, 29 de novembro, no CHUO. A xerente explicou que o obxectivo é “non mostralos como receptores de servizos, que sempre é a mensaxe que soe ter das persoas con síndrome de Down, é dicir, como enfermos, por dicilo así”.

Por este motivo, os usuarios aparecen facendo a comida co persoal das cociñas, operando no Servizo de Cirurxía, acompañando ao persoal de enfermería na rolda diaria cos pacientes. O fotógrafo Mani Moretón asegurou que a dificultade coa que se atoparon para realizar as fotos “foi que o persoal sanitario traballa con tempos moi limitados e as fotos tiñan que facerse en cinco ou dez minutos”, pero reiterou que a colaboración e a conexión por parte dos usuarios da asociación e o persoal do CHUO foi “excelente”.

Este ano editan un total de 1.400 exemplares a diferentes tamaños -700 de parede e 700 de mesa- que se venderán a un prezo de 5 euros cada un e que se poden adquirir no local de Down Ourense.

Todo o recadado coas vendas irá destinado aos programas de promoción da autonomía que se levan a cabo en Down Ourense.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button