EconomíaEconomía

A Cámara de Comercio convoca o “Premio Pyme del año 2017”

O gañador darase a coñecer en outubro.

A Cámara de Comercio de Ourense, en colaboración co Banco Santander, convocan o premio “Pyme del Año 2017” co obxectivo de “recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas como xeradoras de riqueza e creadoras de emprego no desempeño da súa labor cotiá”.

Asemade, dende a Cámara destacan que con esta iniciativa quérese pór en valor o papel “clave” das pemes españolas na xeración do benestar xeral para o conxunto da sociedade española”. Pola súa banda, dende o Banco Santander, sinalaron que “este proxecto responde á misión do banco de axudar ao progreso das empresas e as familias”.

Ao “Premio Pyme 2017” de Ourense poderán concorrer todas aquelas pequenas e medianas empresas de menos de 250 empregados, cunha facturación anual inferior aos 50 millóns de euros no exercizo de 2016 e con sede social na provincia. O prazo de presentación de candidaturas abre o 23 de maio e remata o 30 de xuño. As empresas interesadas poderán inscribirse a través dun formulario de inscrición dispoñible na páxina web da Cámara de Comercio de Ourense.

O xurado elixirá unha trintena de finalistas que se farán públicos no mes de setembro. O gañador darase a coñecer en outubro. Este xurado terá en conta méritos como: incremento da actividade e mellora dos resultados da empresa, creación de emprego, prestando especial atención á calidade do mesmo, internacionalización da empresa, introdución de innovacións e adopción de medidas de formación para os traballadores.

Artigos relacionados

Back to top button