CulturaCulturaÚltima hora

Campamento astronómico este verán na Veiga

As actividades que o conforman son: rutas de sendeirismo, un observatorio astronómica, actividades de multiaventura no Enconro de Prada e outras actividades culturais, tradicionais e agrícolas

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou hoxe o novo campamento astronómico que se realizará este verán no Concello da Veiga. Esta nova localización, xunto con Xunqueira de Ambía, é unha das novidades da campaña de verán deste ano 2022. Terá lugar durante os días 9 e o 16 de xullo e está dirixido a mozas e mozos de entre 11 e 14 anos.

A directora xeral concretou que as actividades que conformarán este campamento, que ten lugar no albergue Montañas de Trevinca, céntranse en rutas de sendeirismo, un observatorio astronómico, actividades de multiaventura no Encoro de Prada e outras actividades culturais, tradicionais e agrícolas. Durante a súa visita achegouse tamén ao Centro Astronómico de Trevinca, onde se realizarán actividades.

Cristina Pichel sinalou que a campaña de verán deste ano é a maior da historia ao contar con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia. Neste sentido, apuntou que a través desta proposta póñense á disposición da xuventude actividades de ocio e aprendizaxe non formal e das familias un importante recurso de conciliación.

 

Campo de voluntariado na Veiga

A campaña de verán para este 2022 inclúe tamén novidades nos seus campos de voluntariado. Incorpóranse nove novas actividades e unha delas terá lugar no concello da Veiga. En concreto, trátase do campo Bosque pintado da Cántara da Moura que terá lugar entre os meses de agosto e setembro e está destinado a persoas de entre 18 e 30 anos. Aínda hai prazas dispoñibles.

O prazo para solicitar praza nos campamentos e nos campos de voluntariado de verán da Xunta de Galicia abriu o pasado mércores e permanecerá accesible ata o xoves 26 de maio. A oferta de campamentos de verán é inclusiva e aberta ás persoas con discapacidade, que poderán decidir se presentarse polo procedemento xeral ou a través das prazas reservadas. Coma en cada edición, haberá ademais a posibilidade de optar a campamentos específicos para persoas con discapacidade de entre 11 e 50 anos.

Ademais destes campamentos dirixidos a mozas e mozos de entre 9 e 17 anos, a campaña de verán inclúe 45 campos de voluntariado dirixidos a maiores de idade ata os 30 anos, programas de intercambio bilateral con outras comunidades; minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos; e estancias en instalacións xuvenís para entidades ou asociacións.

Artigos relacionados

Back to top button