ConcellosÚltima hora

Campamento de inverno do Grupo Scout ILEX 695 no Albergue Os Biocos de Río

 

Ata o Albergue Os Biocos de San Xoán de Río desprazábase a finais de decembro o Grupo Scout ILEX 695 de Ourense para desenvolver o seu campamento de inverno. Durante esta actividade medio cento de rapaces, repartidos por idade en diferentes seccións, realizaban diversas actividades educativas acompañados por unha ducia de monitores voluntarios que guiaron as actividades consistentes en xogos, dinámicas e rutas pola contorna.

Precisamente durante as rutas foron apañando lixo que atopan polas distintas vías e camiños que foron percorrendo, sendo tamén un xeito de demostrar a súa vontade de servizo público.

“Entendemos que a defensa do noso medio ambiente é unha obriga ineludible e facemos esta defensa extensiva á nosa cultura e á nosa lingua, e por suposto estamos fondamente comprometidos coas causas sociais, buscando sinerxías con outras entidades, públicas ou privadas, para brindarnos apoio mutuo na consecución dos obxectivos que compartamos”, din dende esta entidade.

O Grupo Scout ILEX 695 é unha asociación de Ourense cuxo ideal educativo, segundo explican, “busca favorecer o desenvolvemento do espírito crítico no proceso de crecemento persoal das mozas e mozos cos que traballamos, facendo deles mellores persoas, activas e coa ambición de contribuír a construír un mundo mellor”.

Forma parte da federación ASDE – Scouts de Galicia, que a súa vez forma parte de ASDE – Scouts de España mediante a que somos parte tamén da Organización Mundial do Movemento Scout.

Foto cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button