PolíticaÚltima hora

Campaña do BNG para reclamar “unha conexión ferroviaria eficiente para Valdeorras e a prezos axeitados”

Na vindeira semana iniciarán unha recollida de sinaturas en diferentes puntos da comarca

 

Baixo o lema “Queremos tren. Non ao abandono de Valdeorras”, o BNG comezará na vindeira semana unha campaña de recollida de sinaturas en diferentes puntos da comarca para “reivindicar, unha rede ferroviaria galega de calidade, con horarios e prezos adecuados, e para denunciar o abandono de Valdeorras con respecto ao tren”. Así o sinalaba en rolda de prensa o responsable comarcal do BNG nesta comarca, Roberto Quiroga, acompañado pola deputada galega María Albert, e polos concelleiros no Barco e na Rúa, Suso Vilasánchez e Avelino Fernández, respectivamente.

Se ben esta campaña desenvolverase a nivel galego, “en Valdeorras imos darlle un carácter comarcal”, matizaba Quiroga, “por iso reclamamos a inmediata reapertura da atención presencial nas estacións do Barco e da Rúa, que están xa pechadas. Curiosamente esta perda de servizos comezou cando o PP gobernaba, algo que eficazmente seguiu o PSOE, que cando estaba na oposición se uníu a esa reivindicación que faciamos nós, pero ao chegar ao goberno parece que cambiaron as tornas e os intereses coa comarca”. Así mesmo, engadía o responsable comarcal do BNG, “reclamamos dende Valdeorras unha liña que nos comunique con Ourense en horarios e frecuencias que permitan unha conexión eficiente e con prezos axeitados para toda a xente”.

 

O responsable comarcal do BNG en Valdeorras, Roberto Quiroga.

 

Nestes aspectos incidía na súa intervención a deputada do BNG no Parlamento galego, María G. Albert. “Esta campaña parte da denuncia do déficit, do deterioro e do abandono das infraestruturas aos que nos teñen sometidos os sucesivos gobernos central e galego por decisións absolutamente arbitrarias e dende logo dende o noso punto de vista inxustas. Valdeorras está absolutamente fóra das liñas de transporte público, non só de ferrocarril, senón tamén por estrada, a única alternativa que temos a cidadanía desta zona para comunicarnos e facer xestións básicas como para ir ao médico, vendo a situación na que temos hoxe o Hospital Público de Valdeorras, que nos toca ir a Ourense en moitísimas ocasións, a única alternativa que ten a xente e, na maioría dos casos, o uso do transporte particular”, indicaba.

Por iso, o BNG ten intención de realizar a recollida de sinaturas no conxunto da comarca, que logo serán presentadas ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. As datas e lugares desa recollida serán anunciados previamente a través das redes sociais da formación política ou ben a través da prensa.

María G. Albert tamén explicaba as tres liñas fundamentais da campaña “Queremos tren” do BNG. A primeira delas céntrase en que “a Xunta ten a responsabilidade de asumir as competencias no tren interior de Galiza, iso suporía un cambio cualitativo. Dende a Xunta debería haber unha maior sensibilidade co que ten que ver coas conexións internas de Galiza, claramente dende Madrid non a hai”.

 

A deputada valdeorresa do BNG, María Albert.

 

En segundo lugar, o BNG propón “a creación dunha operadora galega, ademais nun momento de liberalización das operadoras de tren en todo o Estado. E esta operadora teríase que facer cargo de varias cuestións: a creación dunha rede de cercanías que comunique e vertebre o país, é dicir, as comarcas coas capitais provincias e esta coa capital galega, para ter unha rede digna e propia do século XXI. Tamén a posta en servizo das liñas e frecuencias hoxe abandonadas, a recuperación de frecuencias e de paradas e incluso de apeadoiros que vai anos que non se utilizan, para dar máis posibilidade de comunicación interior”.

Unha terceira pata, continuaba a deputada galega, sería “que o tren pase a ser considerado o que é de facto, un servizo público básico, e, polo tanto, debe ser universal e ten que servir para vertebrar o país e para que as zonas, sobre todo do interior, neste caso Valdeorras, teñamos posibilidade de futuro porque sen comunicacións non hai futuro”.

Fotos: A.R.

 

Folla de recollida de sinaturas da campaña que iniciará o BNG a vindeira semana en Valdeorras.

 

Artigos relacionados

Back to top button