ConcellosÚltima hora

Campaña especial da DXT centrada nos neumáticos e nas luces dos vehículos

É específica para as vías de Galicia, comezará mañá e prolongarase ata o vindeiro xoves 19 de novembro

 

A Dirección Xeral de Tráfico iniciará mañá unha campaña especial de vixilancia que se centrará en verificar o estado dos neumáticos e das luces dos vehículos. Trátase dunha campaña específica das estradas de Galicia e que se prolongará ata o vindeiro xoves, día 19 de novembro.

“O ano pasado, o 58% dos vehículos nos que viaxaban as vítimas mortais de accidentes de tráfico en vías interurbanas en Galicia tiñan máis de dez anos de antigüidade. Este feito motivou que as Xefaturas de Tráfico en Galicia incluísen no calendario anual de campañas unha dedicada exclusivamente á vixilancia das condicións dos vehículos que circulan polas estradas e, en concreto, ao estado de neumático e luces, como elementos craves na seguridade dos vehículos”, tal e como se indica dende a Delegación do Goberno en Galicia.

Así mesmo, lembran que “nesta época do ano diminúe notablemente a luminosidade nas vías e é máis frecuente a meteoroloxía adversa, polo que aumenta a necesidade de verificar o correcto estado de ambos os elementos”.

Durante a semana que comeza mañá os axentes da agrupación de Tráfico da Garda Civil e o resto de policías locais que se sumen á campaña prestarán especial atención ao adecuado mantemento e posta a punto destes dous elementos, sexa cal sexa o tipo de vehículo.

 

Artigos relacionados

Back to top button