OurenseÚltima hora

Campaña especial de Tráfico en Galicia para o control do consumo de alcohol e drogas

Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e presenza de drogas dende hoxe a ata o próximo domingonas estradas galegas

 

Este luns vén de poñerse en marcha unha campaña especial de Tráfico co obxectivo de “diminuír o consumo de alcohol e drogas ao volante”, tal e como informa a Delegación do Goberno en Galicia. Ata o domingo día 13 os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e presenza de drogas nas estradas de Galicia. Nesta iniciativa a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) fomenta a colaboración cos concellos das catro provincias para “realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de maior afluencia”.

Desde a Delegación do Goberno lémbrase que o alcohol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias. Hai que lembrar que o 45,5% dos 558 condutores falecidos durante o ano pasado en España en accidentes de tráfico e sometidos a autopsia consumira alcohol, drogas e/ou psicofármacos.

Por estos motivos, o obxectivo da Dirección Xeral de Tráfico é conseguir descender do 1% os positivos por alcoholemia nos controis preventivos aleatorios.

Controis permanentes

Entre xaneiro e setembro deste ano, a Garda Civil de Tráfico efectuou en Galicia 318.878 probas de alcoholemia, das que 5.300 arroxaron un resultado positivo, co que a taxa de positivos é de 1,6%. O perfil de positivo segue a ser o de varón con idades entre 45 a 54 anos.

No que respecta ao consumo de drogas, a Garda Civil levou a cabo en Galicia 4.575 controis no mesmo período, dos que 1.764 conlevaron denuncia por positivo. O cannabis (THC) e a cocaína son as dúas substancias achadas con máis frecuencia.

Campaña anterior

Na mesma campaña realizada en decembro do ano pasado efectuáronse en Galicia 15.660 probas de alcoholemia, das que 160 deron positivo (o 1,02%). En canto ás probas de drogas, levábanse a cabo 338, das que resultaron positivas 135 (40%).

Artigos relacionados

Back to top button