ConcellosÚltima hora

Campaña especial de vixilancia do transporte escolar a vindeira semana nas estradas galegas

O 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo

 

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pon en marcha desde este luns, 30 de novembro, e ata o vindeiro venres día 4 de decembro, unha campaña especial de vixilancia e control do transporte escolar. Nela, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e as Policías Locais que se sumen comprobarán que, tanto autobuses como condutores, cumpran coa normativa establecida na materia, que inclúe, entre outras obrigacións, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada nos desprazamentos.

Esta campaña ten unha especial transcendencia en Galicia debido á gran extensión de rutas de transporte escolar existentes nesta comunidade. Segundo os datos das autoridades educativas, no presente curso 2020/2021 préstase servizo de transporte escolar a 86.957 alumnas e alumnos de 774 centros públicos.

“Aínda que a vixilancia por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil é permanente, nos próximos días intensificaranse os controis preventivos, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas. O obxectivo é concienciar a pais, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas con respecto a este tipo de transporte”, tal e como se informa dende a Dirección Xeral de Tráfico.

Así, realizaranse controis de carácter administrativo sobre as autorizacións e documentos que deben ter devanditos vehículos para a correcta prestación do servizo. Tamén se verificará que as condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa, así como os requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, como son o permiso de condución e os tempos de descanso.

Entre as condicións de seguridade que deben cumprir todos os transportes escolares, estipúlase a antigüidade máxima dos vehículos destinados a este tipo de pasaxeiros, o seguro de responsabilidade civil ilimitado ou a obrigatoriedade de levar o sinal de transporte escolar.

Seguridade e menores

De acordo coas estatísticas da DXT, o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos e, en moitos casos, trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos acompañantes.

Resultado da campaña anterior

Na campaña equivalente de control de transporte escolar realizada en febreiro deste ano, controláronse 463 vehículos deste tipo, chegando a formular 352 denuncias a 206 autobuses.
As irregularidades administrativas son as que maior número de denuncias xeraron. Por exemplo, non dispoñer da autorización especial para realizar transporte escolar supuxo a interposición de 102 denuncias, practicamente una de cada tres.

Artigos relacionados

Back to top button
Close