ConcellosÚltima horaVerín

Campaña para fomentar o consumo responsable de auga en Verín

 

O Concello de Verín e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, fomentan o consumo responsable de auga coa campaña “Está na túa man, pecha a billa cando toca”. O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos e anticiparse ás situacións de seca da época estival.

Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e nas redes socias de ambas entidades.

A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que acontecen nos meses estivais teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable.

Actualmente, a capacidade dos encoros da comunidade aínda presenta boas porcentaxes, pero o descenso é continuo. Na Confederación Hidrográfica Miño-Sil a reserva hídrica atópase nun 48,9 %, aseguran.

“Esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de darse un baño, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas”, explican dende o Concello de Verín.

Ademais indícase que tamén se debe ter precaución con actividades típicas deste época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. “Un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda”, aseguran os promotores da iniciativa.

Artigos relacionados

Back to top button