DeportesÚltima hora

Campionato de España de Triatlón en Allariz

A vila ourensá acollerá a competición en idade escolar (categoría cadete) do 27 ao 29 de xuño
Cartaz do campionato.
Cartaz do campionato.

Na mañá do 10 de xuño o salón de plenos do Concello de Allariz acollía a presentación do Campionato de España de Triatlón en idade escolar para a categoría cadete, que se celebrará na vila ourensá a última fin de semana do mes de xuño. No acto, o alcalde Francisco García agradecía a aposta das Federacións Española e Galega de Triatlón a celebración da proba en Allariz que “sen dúbida ten sido referente na localidade, na que todos os veráns dende hai 25 anos, celébrase o Triatlón de Allariz no que teñen participado figuras de elite como Iván Raña, Saleta Castro ou Aída Valiño” dixo.

Así pois do 27 ao 29 de xuño daranse cita na vila ao redor de 120 nenos e nenas en categoría cadete de 16 comunidades: Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Extremadura, Galicia, Illas Baleares, Madrid, Melilla, Murcia e Navarra.

O programa comezará o venres 27 de xuño ás 18h. coa recepción e entrega de acreditación aos deportistas na sala de exposicións A Fábrica, continuando co recoñecemento do circuíto e a posterior recepción co alcalde e reunión técnica no salón de plenos.
A proba propiamente dita arrancará o sábado 28 de xuño pola mañá cun triatlón individual (750m. – 10km. – 2,5km.). A saída feminina está prevista para as 11h. e a masculina para as 12:15h. A entrega de premios será a partires das 13:30h.

E xa o domingo 29 de xuño tocaralle o turno á proba de relevo mixto (300m. – 5km. – 1,5km.) prevista para as 11h. con posterior entrega de premios.

Ademais das probas deportivas, o programa inclúe visitas guiadas por Allariz e unha charla coloquio coa intervención de deportistas de elite no Fogar dos Maiores o sábado 28 de xuño pola tarde.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button