DeportesÚltima hora

O Campionato Galego de Piragüismo reunirá en Castrelo de Miño a máis de 500 padexeiros

A proba celebrarase o vindeiro 24 de febreiro no Parque Náutico desta localidade
Rosendo Fernández, Xurxo Rodríguez, Pedro Andrés García, Maribel Rodríguez, José Manuel Fernández e Alfredo Bea.

Máis de 500 deportistas participarán no Campionato Galego de Piragüismo que se celebrará no Parque Náutico de Castrelo de Miño o día 24 de febreiro, a partir das 10.00 horas.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba que “pon en valor o noso territorio dando a coñecer as potencialidades turísticas da nosa provincia”, salientou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, na presentación de hoxe, 15 de febreiro. Fernández destacou “a idoneidade das nosas augas e das infraestruturas deportivas que ofrece o CERLAC, do que forma parte o Concello de Castrelo de Miño, un lugar de referencia a nivel nacional e internacional, que escollen numerosas seleccións e equipos para realizar os seus períodos de adestramento”.

O presidente do Club Fluvial Avión, Pedro Andrés García, explicou que se trata dun evento “no que esperamos unha participación de máis de 500 palistas”, e o presidente e delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, dixo que no campionato “estarán os mellores clubs galegos, poñéndose ao nivel dun campionato nacional de calquera país de Europa”. Asemade, afirmou que Ourense vai a ser este ano, “a capital do piragüismo galego, acollendo tres campionatos de fondo da Federación Galega, porque as instalacións e as láminas de auga que temos aquí son as mellores de Galicia”.

Pola súa parte, o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, explicou que este ano “iniciamos de novo a colaboración coa Federación Galega de Piragüismo para traer novas modalidades deportivas ao encoro de Castrelo e ao seu parque náutico”. O dirixente muncipal acudiu acompañado pola concelleira de Deportes de Castrelo, Maribel Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button