En portadaÚltima hora

Campo de traballo internacional para promocionar o Xeoparque de Quiroga

Os participantes traballan na limpeza e acondicionamento da Ruta da Encomenda, así como na creación dunha páxina web e unha ruta virtual, entre outros labores
Visita da directora xeral de Xuventude ao campo de traballo de Quiroga.

Un grupo de 20 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos compartirán experiencias ata o vindeiro día 12 de xullo en terras quiroguesas. O Concello de Quiroga, en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, ten en marcha un campo de traballo internacional. Os participantes, un total de 13 mozas e mozos, proceden de Rusia, Francia, Castellón, Granada, País Vasco e diferentes lugares de Galicia. Chegaron a Quiroga o día 1 de xullo e están instalados no Albergue Municipal.

Entre os traballos que teñen previsto realizar este ano está a limpeza dunha abellariza tradicional emprazada ao carón da estrada que une Quiroga coa Cruz de Outeiro, nas inmediacións do lugar de Bustelo de Fisteus; tamén. Na xornada do 6 de xullo a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, visitaba este campo de traballo. Explicaba que un dos obxectivos desta actividade é promocionar o futuro Xeoparque de Quiroga, promovendo iniciativas difusión e xeoconservación que favoreza o desenvolvemento socioeconómico e cultural desta zona.

De feito, os mozos e mozas traballan na limpeza e acondicionamento da Ruta da Encomenda, así como na creación dunha páxina web e unha ruta virtual onde se amosará a cartografía, a planimetría e o perfil da ruta con códigos QR xeolocalizados con información sobre a flora, a fauna e os puntos de interese. Tamén acometerán a posta en valor da Ponte do Rego Castelo e levarán a cabo tarefas de dinamización do xeoparque mediante a organización de xornadas divulgativas en Quiroga e nos concellos próximos. Así mesmo, participan en accións complementarias como visitas ao museo xeolóxico e etnográfico de Quiroga, realizan diferentes rutas xeolóxicas e arqueolóxicas pola zona, e pasan tempo de ocio e lecer con actividades náuticas como kaiak e remo en táboa ou na piscina, entre outras.

A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”.

Artigos relacionados

Back to top button